OLGA BRAÑAS PRESENTA O SEGUNDO DISCO DE PITUSA SEMIFUSA

"O obxectivo de Pitusa Semifusa sempre é crear bos ouvintes de cara ao futuro"

Mañá cuarta feira estréase no Salón Teatro de Compostela a segunda achega de Pitusa Semifusa, que desta volta regresa ás librarías e aos escenarios cun novo proxecto didáctico dedicado desta volta aos estilos musicais. Falamos coa súa 'alma mater', a músico e mestra Olga Brañas, tamén colaboradora deste xornal. 
 

pitusasemifusa
photo_camera A banda de Pitusa Semifusa, nun ensaio [Olga Brañas é a segunda pola dereita]

- Mañá presentas o teu segundo traballo, 'Pitusa Semifusa e os estilos musicais', logo do éxito do anterior. Que novidades traes con este?


- Este disco non é tan acústico coma o primeiro. Neste centrámonos máis nos estilos urbanos e, sobre todo, eu creo que a novidade está no espectáculo que imos facer con banda, cunha produción máis coidada. 

- Con este disco queredes aprenderlle ás crianzas como son os diferentes estilos musicais, non?


- Si, temos unha peza introdutoria e outra de peche e logo tratamos o pop, o blues, o reggae, o funk, o hiphop, rock... O obxectivo é que aprendan dun xeito divertido. Se no outro eran as familias de instrumentos, esta vez son os estilos musicais. E o obxectivo final sempre é crear bos ouvintes de cara ao futuro e educalos auditivamente para que saiban aprezar a música desde moi novos. De feito, unha cualidade que ten Pitusa Semifusa a diferenza de outros traballos musicais deste tipo, ademais de ser didáctivo, é que está orientado a nenos e nenas de infantil, de 3 a 6 anos.

Supoño que Pitusa ten que ver comigo no sentido de que é unha nena chea de forza, de curiosidade.

- No disco participan grandes músicos, como Pedro Pascual, Sonia Lebedynski, Brais Morán... Como vai ser en directo?


- En directo estaremos Carliños Freire na batería, Pablo Vidal no baixo e contrabaixo, eu no teclado, Brais Morán na voz e guitarra, Marta Bravo na voz e Ana Pérez na voz e na animación. 

- E outra vez Leandro Lamas nas ilustracións. 


- Si, estou encantada de traballar con el, sobre todo polo seu respecto ao meu traballo, e eu polo seu. Ademais, participou cantando unha peza, e isto é unha primicia [risos]. Complementámonos moi ben e estou feliz coa nova obra que fixo para este segundo Pitusa, que é tan fermosa ou máis que a segunda. 

- Quen é Pitusa Semifusa? Un alter ego de Olga Brañas?


- [risas] Ben... é un personaxe que creamos entre Francisco Castro, editor de Galaxia naquela altura, hoxe director, e máis eu. Si, supoño que ten que ver comigo no sentido de que é unha nena chea de forza, de curiosidade. E tamén ten un trasfondo feminista, de que as mulleres tamén podemos facer cousas no mundo da música. Ela é un personaxe feminino que explica música aos nenos, tendo en conta que a música sempre foi -e aínda é- unha profesión dominada polos homes. 

Pitusa tamén ten un trasfondo feminista, de que as mulleres tamén podemos facer cousas no mundo da música

- A música infantil é a parte da industria que mellor salvou os mobles coa crise. A ela incorporáronse moitos artistas que se dedicaban á música de adultos. No teu caso é ao revés, empezaches liderando un proxecto infantil. Veste facendo o propio con música para adultos?


- Eu levo tocando música para adultos desde os 15 anos. Supoño que o que vin que podía ofrecer liderando un proxecto era mesturar a miña faceta como músico e como profesora de música. De momento non se me ocorreu facer un proxecto liderado por min, pero se cadra en pouco tempo temos unha sorpresa, non sei. Non quero adiantar moito, pero teño algunha idea en mente, e non sei cando se desenvolverá. Tampouco sei se será como Olga Brañas ou co nome dun grupo. 

- 'Pitusa Semifusa' aínda ten máis posibilidades. Tes pensado un terceiro volume?


- Si, teño pensado, aínda que non sei se será posible e aínda queda moito. Pero poderíase facer unha triloxía rematando con 'Pitusa Semifusa e as músicas do mundo'. Por iso mesmo deixei fóra estilos como a samba, o country, o tango, música chinesa... para deixar un pouco de marxe por se dentro duns anos me apetece facer un terceiro Pitusa, que non o sei. Por agora aos nenos encántalle e a min encántame facer  de momento música infantil, sobre todo polo espectáculo. Cada un é diferente, ves que a medida que pasa o tempo a xente valórao máis. É moi difícil facer música infantil, pero moi agradecido. Disfruto moito e pásoo moi ben nos espectáculos, téñenme dado até ataques de risa. 

Poderíase facer unha triloxía rematando con 'Pitusa Semifusa e as músicas do mundo'. Por iso mesmo deixei fóra estilos como a samba, o country, o tango, música chinesa...

- Á hora de plantexarte facer un disco, que diferenza hai entre que sexa para adultos e para nenos?


- Hai bastantes diferenzas. Como profe deime conta que no Pitusa I faltaban retrousos repetitivos, que neste disco metín. As estruturas teñen que ser máis claras, a letra superclara, non se poden desprazar acentos, dado que nestas idades están aínda aprendendo a falar. A nivel do espectáculo ten que ser moito máis visual, ten que ir 'in crescendo', non pode decaer en ningún momento. Hai moita diferenza, pero a nivel músical non. A música para nenos non ten menos calidade. De feito, creo que as nenas e aos nenos se lle ten que ofrecer o mellor que poidamos dar de nós. Se non o fago mellor será porque non sei ou porque non podo, pero a miña intención é facelo o mellor que podo. 

- Ti es pianista e pandereteira, aínda que te coñezamos máis polo segundo. Como compaxinas a clásica e o tradicional?


- A clásica hai tempo que non me dedico a ela, pero quedoume moito dela na técnica pianística. Como combino? Eu creo que nunca persoa todo aporta, todo complementa, non creo que haxa que elixir, todo suma. 

- Son dous mundos que non se relacionan moito entre sí. 


- No meu caso foi de xeito moi natural. Eu toco a pandeireta desde os 12 anos e o piano desde os 9, así que non recordo tocar clásico sen tradicional nin tradicional sen clásico. Co meu amigo Roberto Santamarina sempre comentamos que estamos entre dúas augas, porque si é verdade que a música clásica pode subestimar a popular, pero tamén na música folc hai moita xente que subestiman a técnica clásica doutros músicos. Para min ambos mundos combinan perfectamente e todo achega cousas. É moi bonito ademais mesturar cousas dun lado e do outro. 

Comentarios