Aleksandr Dziuba: "O obxectivo deste dicionario é crear unha ponte entre o galego e o ruso"

Aleksandr Dziuba é un cidadán ruso que vive na Galiza e que acaba de confeccionar e publicar na web o primeiro dicionario bilingüe ruso e galego. O seu obxectivo é crear unha ponte exacta entre a lingua romance e a lingua eslava, con vistas a facilitar a aprendizaxe persoal e o traballo de moitas persoas nas que conflúen as dúas linguas. Aleksandr, nun galego fluído, explica que a nosa é unha lingua máis rica aínda do que se recolle no dicionario da RAG, e que no seu dicionario quere deixalo patente.
 
Aleksandr Dziuba leva dous anos estudando lingua galega (Foto: Nós Diario)
photo_camera Aleksandr Dziuba leva dous anos estudando lingua galega (Foto: Nós Diario)

Podería explicar en que consistiu o seu traballo?

Basicamente, elaborei o típico dicionario bilingüe que está organizado en orde alfabética, co obxectivo de que cada persoa que estea interesada nas dúas linguas poida coñecer os equivalentes en ambos idiomas. Por agora só conta con 11.000 entradas para esta primeira entrada, pero de aquí a uns anos gustaríame chegar até as 40.000, para que sexa o primeiro gran dicionario de galego e ruso.

Ademais, quero ampliar con seccións gramaticais, de funcionamento básico das formas verbais. O dicionario non está só restrinxido aos termos aceptados polo dicionario da RAG. Empreguei o Estraviz e o Xerais entre outros. Pola miña propia experiencia, vexo que moitas palabras que se empregaban nas obras clásicas de Castelao, Risco ou Blanco Amor non son aceptadas pola RAG, e non sei o motivo. Decidín incluír estas palabras tamén, pero deixándolle claro á lectora que a RAG non as recoñece. Quero que o dicionario non sexa só unha lista de palabras, quero que sexa algo realmente útil.

Que o motivou para confeccionar este dicionario?

Cando comecei a estudar galego hai dous anos, decateime de que había moitas palabras que non sabía que significaban. Comecei a apuntalas, e así foi como naceu a idea do facer un dicionario, porque non existía unha ponte documental  entre o galego e o ruso. Por iso pensei que podía ser interesante e útil para outras persoas que, coma min, queren aprender galego.

Ademais, quería desenvolver unha ferramenta para que as persoas galegofalantes puidesen falar de si mesmas con persoas de fala rusa sen ter que acudir a dicionarios de castelán. Que poidan empregar a súa lingua. O obxectivo é ese, crear unha ponte exacta entre o galego e o ruso.

Como é o proceso para deseñar un dicionario deste tipo?

Todo o traballo até agora fíxeno eu só, aínda que espero poder atopar algunha persoa ou entidade que faga unha revisión total das entradas antes de que saia a versión en papel do dicionario. O proceso é sinxelo.

Eu escollo as palabras que penso que poden ser útiles para o dicionario, estudo as súas acepcións e despois busco as equivalencias en ruso para cada unha desas palabras galegas. Por agora, as palabras que teñen máis acepcións son os verbos como pasar ou dar, que teñen cerca de 30 acepcións. Ademais, é curioso que haxa palabras galegas que sexan iguais ou moi semellantes, como crocodilo ou icona.

Onde pode atopar a xente o seu dicionario? En que formatos vai estar dispoñíbel?

Polo de agora está dispoñíbel na páxina da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta. É accesíbel de balde, e calquera pode empregalo sen ningún problema. Logo, unha vez o dicionario sexa ampliado, quero publicar en papel unha segunda edición. Sigo traballando acotío no dicionario e quero seguir avanzando pouco a pouco até ese obxectivo das 40.000 entradas.

Pensa vostede que é importante que se promovan proxectos e iniciativas como o a súa para afondar na normalización do galego? 

Penso que si, porque cando comecei a estudar na escola de idiomas compartín clase con outras persoas estranxeiras ás que os dicionarios lles eran de gran utilidade.

Os dicionarios bilingües axudan moitísimo, sobre todo se es tradutor, porque axilizan o traballo e evitan que teñas que acudir continuamente a dicionarios monolingües. Elaborar estes dicionarios fai que sexa moito máis doada a aprendizaxe da lingua galega, e convértea nun idioma moito máis accesíbel. Hai moita xente na Galiza que quere aprender ruso e que agora con este dicionario van ter máis facilidades.

Comentarios