O obxectivo de Carlos Valcárcel retrata unha Galiza que xa non existe

A Editorial Canela edita un volume que recolle case 200 fotografías de Carlos Valcárcel nas que inmortaliza unha Galiza da que queda entre pouco e nada, a comprendida entre os anos 60 e 80 do século pasado. 
Escenas dos traballos no campo e no mar, dos oficios e a industria artesanal, das feiras... nada escapou do obxectivo do fotógrafo. (Foto: Carlos Valcárcel)
photo_camera Escenas dos traballos no campo e no mar, dos oficios e a industria artesanal, das feiras... nada escapou do obxectivo do fotógrafo. (Foto: Carlos Valcárcel)

Describir a radical transformación vivida pola sociedade galega nos últimos 60 anos ás novas xeracións resulta tan complicado que ferramentas como o novo libro editado pola Editorial Canela -coa colaboración da área de Cultura da Deputación de Lugo- tornan fundamentais. 

En Carlos Valcárcel: Fotografía Etnográfica 1960-1980 recóllese unha escolma de case 200 instantáneas tomadas pola cámara deste fotógrafo lucense  -que hoxe conta con 91 anos- entre finais dos anos 50 e comezos dos 80 do século XX.

Estas pouco máis de dúas décadas representan, para a maioría das historiadoras e estudosas da súa obra, a época dourada de Carlos Valcárcel, un tempo no que protagonizou multitude de viaxes polos arredores de Lugo e as súas comarcas lindantes, así como por outras áreas da Galiza, tomando miles e miles de fotografías que hoxe serven como imprescindíbel testemuño do inexorábel paso dun tempo que xa neses anos comezaba a dar signos do esvaecemento dos nidios trazos da cultura tradicional galega.

Entre todo o seu enorme arquivo de negativos fotográficos en branco e negro a Editorial Canela, dirixida por Pablo Quintana, realizou unha escolma de 198 imaxes para dar a luz un volume "que entronca á perfección coa filosofía da editorial", explica Quintana a Nós Diario.

"El tiña unha valiosísima colección, e era unha auténtica mágoa non divulgala, pero realizar a selección desas case 200 instantáneas que incluímos no libro foi un labor moi traballoso, mais estamos moi satisfeitos co resultado porque todas as fotografías de Carlos -Valcárcel- son marabillosas, especialmente aquelas nas que sae xente, que son a práctica maioría", destaca o responsábel da Editorial Canela.

A vida cotiá das nosas devanceiras

Na escolma fotográfica hai representación de escenas dos traballos no campo e no mar, dos oficios e a industria artesanal, das feiras, festas e celebracións relixiosas, do comercio, da música, de persoas que se deixan retratar en diferentes situacións e tamén de escenas que no mundiño das revistas do corazón definirían como "roubadas". 

Tamén inmortaliza Carlos Valcárcel os artesáns que traballaban nos desaparecidos cubertos pegados á muralla de Lugo, ás redeiras nos portos de Malpica e Aguiño, a un afiador de Ourense desprazado a unha aldea da costa coruñesa, os traballadores de obras públicas, o fotógrafo ambulante retratando dúas cativas nunha rúa de Pontevedra, así como outros nenos e nenas que hoxe serán pais e nais, ou avós e avoas.

Anciáns, cabalarías, bois, vacas e apeiros que xa non traballan o campo, sementeiras e colleitas dos alimentos estacionais, pastores e pastoras, aqueles xitanos xa asentados e os nómades que percorrían Galiza e outras terras para tratar nas feiras, a pesca no río e no mar, instalacións de carpintaría de Ribeira hoxe desaparecidas, o obrigado polbo na feira, o xogo da baralla na taberna, as propias taberneiras, a conversa na barbaría ou en situacións ben diferentes... a vida, en definitiva, o paso do tempo conxelado a través das lentes das distintas cámaras empregadas por Carlos Valcárcel ao longo dos anos.

Un volume afectado pola pandemia do coronavirus

Por sorte para eles e elas, os nosos antecesores non tiveron que enfrontarse no tempo que inmortaliza Valcárcel nas súas fotos cunha situación nin remotamente similar á que vimos de vivir nos últimos meses coa pandemia da COVID-19.

Non obstante, este libro que recolle as súas andainas si que se viu afectado, pois foi lanzado orixinariamente no mes de febreiro deste ano 2020. De feito, a presentación pública do volume tivo lugar o 27 de febreiro, nun acto desenvolvido na sala de exposicións do pazo de San Marcos de Lugo,  apenas un par de semanas antes da declaración do estado de alarma por parte do Goberno español.

Pablo Quintana, o director da Editorial Canela, recoñece que no momento do seu lanzamento "o libro tiña moita demanda, especialmente logo da exitosa presentación en Lugo" e que agora a cousa está "un pouco parada", mais confía en que "a situación se normalice" e no futuro poidan facer máis presentacións, "sempre tendo en conta que Carlos Valcárcel é un home que supera os 90 anos e vai resultar complexo levalas a cabo".

De todos os modos, Quintana agarda que este volume -que representa o terceiro lanzamento de Canela no marco da colección Imaxes para un país e que está dispoñíbel tanto en librarías como no portal web da súa editorial a un prezo de 35 euros- poida chegar ao público de todo o país grazas á "reactivación" das feiras do libro en territorio galego. 

Comentarios