O Observatorio da Cultura Galega alerta da destrución dun 5,5% dos empregos no sector só en marzo

Son as primeiras cifras sobre o impacto real da situación actual no mundo da cultura. A perda está un punto por debaixo do conxunto do Estado e o impacto é maior no emprego cultural que noutros sectores produtivos.
salon teatro
photo_camera salon teatro

As primeiras cifras sobre o impacto real da situación actual no mundo da Cultura revelan un descenso dun 5,5% dos empregos do sector cultural só no mes de marzo. Así o contabiliza o Observatorio da Cultura Galega, dependente do Consello da Cultura Galega, nunha conxuntura que dá conta das cifras de afiliación á Seguridade Social até o día 31 de marzo.

O Observatorio da Cultura Galega conclúe que "como era de esperar, a situación de crise afectou ao emprego cultural, tal como se pode comprobar nos datos de afiliación do último día do mes de marzo de 2020, comparado co mes anterior. A Cultura descendeu un 5,5%, é dicir, 2,3 puntos porcentuais máis que o conxunto do mercado laboral".

A cifra da Galiza está un punto por debaixo do que acontece no conxunto do Estado, que se sitúa nun 6,5% de empregos destruídos no sector. O Observatorio sinala no seu informe Conxuntura laboral do mes de marzo de 2020 nas principais ramas de actividade cultural que cómpre un estudo lonxitudinal e avanza que realizará unha revisión periódica dos principais indicadores estatísticos nos vindeiros meses.

Cinema e música, as máis afectadas

Segundo ese texto, as ramas de actividade máis afectadas son as cinematográficas, de vídeo e de programas de televisión, gravación de son e edición musical, seguidas das actividades de creación, artísticas e espectáculos, que, de feito, se atopan entre as máis afectadas de todas as ramas que compoñen a economía galega. En xeral, a maior perda de traballo no sector produciuse nas zonas da Coruña e Ourense

Ademais, o documento estabelece unha análise paralela con outros sectores e conclúe que a Cultura perdeu proporcionalmente máis cotizacións que o conxunto dos servizos, a industria e o sector primario. "Só é equiparábel o descenso ao producido na construción", asegúrase no informe.

As actividades de creación, artísticas e espectáculos atópanse entre as máis afectadas de todas as ramas que compoñen a economía galega

En función do tipo de traballo, o Observatorio alerta que nos primeiros días das medidas de contención da crise sanitaria víronse máis afectadas as traballadoras do réxime xeral que o de autónomas. Segundo este documento, isto débese posibelmente á "posibilidade de acceder á prestación extraordinaria por cesamento de actividade destas últimas".

Con todo, desde o Observatorio matizan ao empregar datos de "traballadoras adscritas a actividades culturais", esta análise só conta coa información das "persoas empregadas nas principais empresas culturais, pero non das persoas con ocupacións culturais que dependen doutro tipo de actividades, nin das que traballan en ramas de actividades que non son distinguíbeis polo nivel de desagregación que ofrece a estatística". 

Ademais, o estudo recolle que "no tocante ao estrato de asalariadas das empresas culturais na Galiza, obsérvase que máis da metade non tiña ningunha asalariada, xa que son actividades de autoemprego". E constata que "o 99,5% son pemes".

Impacto mensual da Cultura 

O informe do Observatorio da Cultura Galega pon en contexto o peso do sector no país e salienta que, segundo a Conta Satélite da Cultura, a cultura representa o 2% do PIB e o 3% do emprego da Galiza.

"Nun mes medio", cita o estudo, "recádanse 1,9 millóns de euros de 325.000 asistentes nas salas de cine galegas. Hai 140 representacións de artes escénicas e unha media de 40.000 espectadoras, que supoñen unha recadación de 350.000 euros".

A poboación galega gasta aproximadamente, nun mes medio, uns 52 millóns de euros en Cultura

En canto á música en vivo, traslada que "teñen lugar uns 400 concertos por mes, que congregan 145.000 espectadoras e xeran unha recadación media mensual de case 1,5 millóns de euros".

Así mesmo, lembra que "a poboación galega gasta aproximadamente nese mesmo mes medio uns 52 millóns de euros en Cultura, dos cales 6,7 millóns se destinan a espectáculos e outros servizos culturais".

Por outra banda, o texto manifesta que "do total do turismo cultural que recibe Galiza, só as turistas que proveñen do resto do Estado realizan un gasto de 15,5 millóns de euros de media mensual". 

Comentarios