Obras a catro mans nos andeis das librarías

O último premio Xerais chega aos andeis das librarías e alimenta a listaxe de obras de autoría compartida. Tonas de laranxa, a novela de Manuel Lourenzo Baleirón e a súa filla María Lorenzo Míguez, súmase aos poucos títulos da nosa literatura creados a catro mans.
Lorenzo2
photo_camera Lorenzo2

Falar con María e Manuel explica, en boa medida, a complicidade que se agocha detrás do proceso creativo. En conversas distintas, as respostas cadran tan ao xeito que parece como se a conversa fose conxunta. “Hai tres anos e medio fixen un conto de setenta páxinas. Cando llo ensinei a meu pai insistiu en que o pulise mais, como non o daba feito, comezou el mesmo a tarefa de pulilo” comenta María. Principiou entón a participación de Manuel na obra. “Ela escribira un conto fermosísimo. Teimei en que coidase as cuestións estilísticas, e como non o facía, púxenme eu, mirando que non perdese a frescura e a historia que ela contaba” explica Manuel.

Comparten casa e lecturas, comezando polo irmán-tío Eusebio Lorenzo Baleirón, a quen mentan un e outra. Canda el, Cunqueiro, Italo Calvino, García Márquez ou o propio Anxo Angueira, amigo da familia e tamén das terras de Dodro. “Compartir lecturas fai que á hora de escribir teñamos tamén coincidencias. Sempre me recomendou obras cun estilo moi poético, e iso tamén se aprecia na novela” di María que, cada vez que Manuel lle “daba unha volta” á novela, asentía convencida.

Se Manuel tivese que explicar o proceso, falaría “de diálogo, de encontro, de complicidade”, o que estabelece coa súa filla, a quen lle recoñece a autoría da historia e pola que recibiu o premio con especial alegría. María mostra a mesma xenerosidade ao falar do pai, a quen lle debe, segundo di, o resultado final da novela, unha obra dos dous en que cada un quere recoñecer o outro.

Só desta maneira, con este entendemento, é como se explican as poucas obras de autoría compartida que atopamos na nosa literatura. Poucos son os exemplos mais algúns merecen especial atención na historia das nosas letras. Manuel Antonio e Álvaro Cebreiro póñenlle sinatura conxunta ao Manifesto Máis Alá, e Vilar Ponte e Cabanillas levan á par a historia do Mariscal Pado de Cela ao teatro. Na tradución, Ramón Piñeiro e Celestino Fernández de la Vega traen para o galego ao Heidegger de Da esencia da verdade.

O colectivo Rompente agochaba a autoría colectiva de Silabario da Turbina e A dama que fala. O xogo literario entre Manuel Rivas e Xavier Seoane en 1981 deu lugar a Anisia e outras sombras, asinado polos dous escritores sen identificaren a autoría dos versos. “Ese libro é un simple experimento. Unha sinxela experiencia de creación compartida. Xurdiu, case na súa totalidade, nas noites dos días 3 e 12 de xullo de 1980, a primeira na casa de Manuel Rivas, na terra inefábel do Castro de Elviña, e a segunda nun marabilloso piso perdido da Avenida da Mariña, coa vila da Coruña por testemuña, durmindo” escreben os dous autores no libro.

Villar-Rábade

Se no caso do Xerais pai e filla asinan conxuntamente a súa obra, a parella de Helena Villar e Xesús Rábade Paredes deron ao prelo un feixe de libros de autoría compartida: poemas, novelas e libros para crianzas suman a máis ampla produción con sinatura dobre da nosa literatura.

Marga do Val e Paula de Lemos puxeron voz conxunta a Entre dunas, o libro de poemas en que só os ç ou os nh identifican quen está detrás de cada un dos versos e en que beira do Miño se atopa a autora.

Unha experiencia recente é a de Francisco Castro e Fina Casalderrey e o libro solidario O Neno Can, un novo exemplo que podemos engadir a estas propostas que xuntaron mans para seren unión temporal na escrita. O Neno Can recolle cinco relatos escritos conxuntamente, a volta de correos electrónicos até daren un texto que tanto Fina como Francisco identifican como propio. 

Fóra de Galiza

Noutras linguas, a literatura compartida deu pé a exemplos de singular relevancia, desde os títulos clásicos de Marx e Engels en ensaio até os italianos Carlos Fruttero e Franco Lucentini, con dúas decenas de novelas compartilladas. O crítico Xesús González Gómez achéganos á profusión dos mestres da novela policial tamén en Suecia coa parella Maj Sjöwall e Per Wahlöö. Na novela de xénero e na produción dos surrealistas, que el ten estudado, atopa a máis ampla relación de obras con autoría conxunta. En Ralentir travaix coinciden André Breton, Paul Eluard e René Char, mentres Breton e Élouard lle dan corpo a A inmaculada concepción: son dous exemplos desa comunal creación surrealista. A galega María Luz Morales -que fora directora de La Vanguardia en 1936-, sumou tamén o seu nome ao da súa amiga Elisabeth Mulder para compartir obras en español, en especial, destinada ás crianzas.

Comentarios