Recoñecemento para o ourive Ricardo Rivas

O obradoiro Traxandaina recibe o Premio de Artesanía

O conselleiro de Economía e vicepresidente da Xunta, Francisco Conde, deu a coñecer os gañadores dos Premios de Artesanía 2020 esta terza feira.
traxandaina
photo_camera A capa 'Tesouro aldeán' alzouse co galardón de Artesanía. (Foto: Traxandaina)

Na xornada de hoxe entregáronse os Premios de Artesanía da Galiza, o galardón principal, dotado con 9.000 euros, foi para a obra "Tesouro Aldeán", do obradoiro Traxandaina Traxe Tradicional. A presentación dos galardóns, que tamén premiaron a traxectoria do ourive compostelán Ricardo Rivas, levouna a cabo o vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Francisco Conde. 

A obra de Traxandaina, Tesouro Aldeán consiste nunha capa baseada nunha lenda do traxe galego e seguindo as técnicas de elaboración das costureiras tradicionais. O xurado, por unanimidade, destacou o valor da peza por ser contemporánea aínda que cunha manufactura tradicional e por supor unha manifestación contundente do oficio. Xunto a este obradoiro competiron por facerse co galardón os obradoiros Laura Delgado Cerámica, no concello de Cambre; Santiago Besteiro Design, de Monterroso; e Jatafarta, de Compostela.

Por outra banda, o Premio Traxectoria, que ten un carácter honorífico, foi parar ás mans do ourive Ricardo Rivas Casal, de Compostela, pola súa "destacada traxectoria profesional e divulgativa da ourivaría da cidade compostelá".

Trátase dun premio outorgado polo sector para recoñecer a traxectoria profesional consolidada dun artesán, pola "contribución á súa posta en valor e promoción, a calidade do seu traballo, así como o seu compromiso coa divulgación e coa transmisión pedagóxica dos principais valores positivos do sector". A súa candidatura foi proposta pola Asociación Ourives de Compostela. 

Ademais, á artesá Loaira Pérez, do obradoiro Raposiñas. Cerámica feita de vagar, situado na Pobra do Caramiñal, correspondeulle a Bolsa Eloy Gesto, dotada cun total de 4.000 euros, que a galardoada investirá na continuación da súa formación artística e empresarial.

O conselleiro quixo destacar na entrega de premios que “enxalzan os valores dun sector chave da identidade colectiva e unha das vías de preservación do patrimonio cultural e etnográfico”.

Neste sentido, destacou tamén a súa dimensión económica, “pois conta con máis de 3.000 artesáns rexistrados e preto de 700 obradoiros que traballan baixo a marca Artesanía da Galiza”. Conde subliñou como un dos valores deste sector, na actualidade, a aposta pola innovación.

Comentarios