Un obradoiro de dous escritores para se adentrar na narración oral

A literatura non só é escrita e, así, co fin de recoñecer e valorar a riqueza da oralidade, a Escola de Escritoræs da AELG ofrece en Lugo un Obradoiro de Narración Oral coordinado por Antonio Reigosa e Isidro Novo que bota a andar esta terza feira día 24 de setembro. 

Novo e Reigosa
photo_camera Novo e Reigosa

Do 24 de setembro até o 17 de decembro, o Obradoiro de Narración Oral chega ao seu segundo ciclo da man dos escritores Antonio Reigosa e Isidro Novo, dous especialistas en narración oral que coñecen a tradición da literatura popular mais as novas propostas para a literatura non escrita. Con 25 prazas xa cubertas e o título “Técnicas e exercicios prácticos de narración oral”, o curso viaxará desde a tradición ás propostas máis contemporáneas co obxectivo de “inspirar a novos creadores e de estimular novas correntes baseadas nesa oralidade que tanto marcou a nosa literatura”.

Oralidade con música, técnicas de improvisación, linguaxes non verbais, lectura en voz alta, fórmulas de inicio e remate dunha narración ou o repertorio son algúns dos temas dun obradoiro que inclúe a celebración a comezos de novembro da Semana da Oralidade, con sesións abertas ao público que se clausurarán coa clase maxistral de Avelino González. 

O obradoiro, que forma parte da Escola de Escritoræs da AELG, quere “chamar a atención sobre ese soporte comunicacional para volver a poñer en uso certas maneiras de transmitir que se foron perdendo por falta de uso e que hai uns anos eran do máis habitual”. 

Comentarios