A obra de Urbano Lugrís protagoniza a imaxe da (S8)

A Mostra incluirá a proxección de máis de 180 pezas de 12 países.
Elena Duque e Rodrigo Osorio, onte na Coruña. (Foto: María Meseguer)
photo_camera Elena Duque e Rodrigo Osorio, onte na Coruña. (Foto: María Meseguer)

O mundo onírico, idealizado e soñador de Urbano Lugrís protagoniza a imaxe da XVI da Mostra Internacional de Cinema Periférico (S8). Así, a cartelaría do festival homenaxea o "artista do mar", máximo expoñente do surrealismo na Galiza. Así o deron a coñecer esta terza feira Elena Duque, programadora da Mostra, e Rodrigo Osorio, da asociación cultural O Mural.

Ademais, como cada ano, a (S8) incorpora un programa temático acorde coa imaxe da Mostra, que nesta ocasión estará dedicado a "esas películas que buscan retomar a visión da infancia". "Paisaxes encantadas", como aquelas que pintaba Urbano Lugrís

Abrirá a sesión a estrea internacional de And so it came about, de Charlotte Pyrce, e poderán verse filmes de destacadas cineastas contemporáneas como Gaëlle Rouard, Ute Aurand ou Jennifer Reeves, así como do mítico creador checo Jan Svankmajer. 

Na Mostra, que decorrerá desde o 26 de maio até o 4 de xuño, proxectaranse máis de 180 pezas procedentes dunha ducia de estados. 

Cinema de vangarda

Un ano máis, a (S8) reunirá na Coruña figuras claves do cinema de vangarda e experimental. Entre elas, o británico residente en Nova York Anthony McCall, coñecido polos seus traballos de "luz sólida", unha serie que iniciou nos 70 co seu célebre Line Describing a Cone, no que unha forma volumétrica composta de luz proxectada evoluciona lentamente nun espazo tridimensional. McCall, que será protagonista da clausura, estará na (S8) visitando a Galiza por vez primeira no contexto dun festival de cinema.

Ademais, entre os pratos fortes da programación estarán as film performances do canadense John Price e o surcoreano Hangjun Lee, inéditas no Estado español, así como o traballo do cineasta arxentino Benjamín Ellenberger.

Comentarios