A obra de Souto visita a casa de Laxeiro

Nove óleos sobre lenzo de Arturo Souto compoñen a segunda mostra do ciclo “Os renovadores” que se inaugura esta sexta feira 14 de marzo e estará aberta na Fundación Laxeiro en Vigo até o próximo 22 de xuño. 

.
photo_camera .

A obra de Arturo Souto, nove óleos sobre lenzo, protagoniza a segunda mostra do ciclo “Os renovadores” da fundación dedicada a outro grande artista coetáneo Laxeiro. Desta volta, a mostra está composta por nove óleos sobre lenzos datados entre 1930 e 1962 e son pezas de grande interese dentro da traxectoria do artista. No caso da mostra de Colmeiro, que abría o pasado ano o ciclo, escolmáranse obras sobre papel de pequeno formato e pertencentes da súa primeira época, algunhas delas inéditas ate entón. 

Na exposición de Souto poderanse contemplar obras de singular relevancia como “A farándula” de 1931 no que mostra o seu achegamento ás vangardas despois da segunda viaxe a París, ou pezas como “O espantallo” ou “Antroido”, con evidente presenza da influencia da pintura italiana. 

Da súa estadía en México, onde se exilia despois de pasar por distintas localizacións de Europa e Norteamérica, agroman obras como “O rapto” que tamén estará á vista na Laxeiro, ao pé de paisaxes como  Porto de La Rochelle, Tordesillas ou Panteón ou Plaza de Castilla, Chinchón. 

A exposición revisa a través de nove pezas algunhas das propostas artísticas e dos distintos tempos de Arturo Souto, un dos principais nomes da historia artística galega e dos nomes da renovación da nosa plástica no século XX, marcado tamén polo seu compromiso coa liberdade e de denuncia do fascismo que viviu despois do golpe militar de 1936. Da súa autoría naceron os estarrecedores debuxos de guerra que se converteron en crónica da represión en imaxes. A súa obra está en algúns dos máis destacados museos de arte contemporánea do mundo e en distintas coleccións particulares. As que agora mostra a Laxeiro proceden da galería Montenegro. 

Comentarios