xoves 03/12/20

Unha obra que reflicte “a entrada do século XX de Galiza” gaña o Manuel Murguía de Ensaio

Raúl Soutelo e José Manuel Vázquez Lijó gañan o XI Premio Manuel Murguía de Ensaio da Deputación da Coruña con “O son que coñeceu Ramón Caamaño”

Xurado do premio Manuel Murguía de Ensaio
Xurado do premio Manuel Murguía de Ensaio

Os investigadores Raúl Soutelo Vázquez e José Manuel Vázquez Lijó son os gañadores do XI Premio de Ensaio Manuel Murguía da Deputación da Coruña - dotado cun galardón de 6.500 euros e a edición da obra gañadora- coa súa obra ‘O son que coñeceu Ramón Caamaño’.

O xurado estimou a “contribución social á historia da fotografía galega e da modernidade” ao combinar “fontes orais e arquivísticas, facendo unha descrición con mestría e amenidade, que parte do local para dirixirse a un público xeral. Desta maneira mesmo coas raíces do traballo no concello de Porto do Son, o ensaio acada unha dimensión moito máis abranxente e vincúlase ao conxunto do país

Destaca tamén que o traballo “combina dun xeito acertado o ensaio e a reportaxe fotográfica, tocando distintos planos e sectores, como a demografía, o mundo do traballo, os conflitos sociais ou mesmo a rede viaria”. Así mesmo, “O son que coñeceu Ramón Caamaño” reflicte, para o xurado, “a entrada do século XX de Galiza”.

Ademais da obra gañadora, o xurado decidiu destacar como finalista o traballo de Ana Naseiro Ramudo, titulado  “Revisión da Historia da Coruña. A fábrica de tabacos e a fábrica de mistos”.

O xurado estivo presidido pola vicepresidenta e responsable da área de Cultura da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartin, e composto pola doutora en Filosofía África López, a psicóloga e orientadora educativa Ana Torres, o historiador Uxío Breogán Diéguez, a filóloga Helena Miguelez e o gañador da última edición do certame, o catedrático de Filosofía, Marcelino Agís,”.

Raul Soutelo é doutor en Historia pola Universidade de Vigo, profesor de ensino secundario e de didáctica das Ciencias Sociais na Universidade de Santiago de Compostela. Especializado en historia social contemporánea. Pola súa parte,  Vázquez Lijó é doutor en Historia pola Universidade de Santiago de Compostela. Ademais é profesor asociado da área de Historia Moderna da Facultade de Humanidades e Documentación da Universidade de A Coruña dende 2007 ata a actualidade, unha plaza que compatibiliza coa de técnico de xestión do Museo marea do Porto do Son.

comentarios