Escribe Xavier Lama e publica Positivas

Unha obra sobre policías infiltrados nos movementos sociais, premio Laudamuco de teatro

Na miña alma ouvea un lobo é o título da peza coa Xavier Lama (Guntín, 1962) gañou a primeira edición do premio Laudamuco de teatro, organizado polo Concello de Brión. Baseada en feitos reais, trata da infiltración de policías nos movementos sociais ingleses. O texto, publicado por Edicións Positivas, acaba de chegar ás librarías.
Xavier_Lama_(AELG)-2
photo_camera O escritor Xavier Lama. Foto: cedida.

“Esta é unha obra de ficción conectada cunha casuística real que ten a súa orixe na Gran Bretaña”, explica o autor nunha nota introdutoria, “en 2011, no xornal The Guardian, comezan a agromar os primeiros datos: uns 80 policías realizaran labores de espionaxe utilizando a identidade doutros tantos nenos mortos”.

A infiltración policial, desenvolta entre 1969 e 1994, sucedeu en agrupacións ecoloxistas, antinucleares ou nas denominadas “antisistema”. E chegou a tal punto que “polo menos 40 mantiveron relacións duradeiras, de carácter íntimo, con mulleres activistas que non tiñan nin idea de que se deitaran durante anos con axentes secretos. De varias desas parellas naceron fillos”.

O xurado do Laudamuco conformárono Rosa Álvarez, María Barcala, Luma Gómez, Manuel Guede e Damián Villalaín. Salientou de Na miña alma ouvea un lobo “a capacidade do autor para explorar con notable eficacia dramática a través de sucesos e personaxes tomados da realidade zonas escuras de funcionamento dos Estados modernos, sen impoñerlle ao lector puntos de vista únicos”.

As “potencialidades escénicas” dunha obra estruturada en pequenas escenas foi outra das características destacadas, xa que “favorecen un ritmo áxil á vez que contundente”.

O premio Laudamuco recolle o seu nome da peza de Roberto Vidal Bolaño Laudamuco, señor de ningures, estreada o 16 de maio de 1978 e considerada unha das primeiras funcións profesionais do teatro galego. Está dotado con 7.000 euros e a edición en libro da obra da man de Positivas.

Comentarios