UN TEXTO DE MARCOS MACEIRA

"A obra de Pepe Chao constitúe o monumento máis grande ao compromiso desde e con Galiza"

A seguir, publicamos un texto de Marcos Maceira, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística con motivo do pasamento de Xosé Chao Rego, do que tivemos coñecemento este sábado.

Foi Castelao quen situou Prisciliano á fronte da Santa Compaña de inmortais galegos. Non mudaríamos unha soa liña do seu Alba de Gloria, se hoxe situarmos Xosé Chao Rego na procesión de galegos inmortais. Pola súa obra, escrita ou non, de toda unha vida dedicada a quen máis o precisou, a conxunto do pobo, de todos e nós, coñecémolo e seguiremos a coñecer a que nos fixo revivir renacendo galegos.

O texto que vén a continuación mantén plena actualidade, e foi escrito con motivo da publicación en 2010, pola Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas, das actas do simposio-homenaxe a Xosé Chao Rego, Renacer galego que a Agrupación Cultural O Galo organizou en 2004, e que para min foi unha honra inmensa coordinar pola oportunidade que se me deu de me de achegar directamente á inmensa persoa de Pepe Chao.

“Os elementos que conforman a identidade de Galiza son tamén parte fundamental da súa existencia; son os que permiten que nos poidamos mirar ao espello e vermos unha imaxe compartida que a podemos describir cunha palabra bonita e sinxela mais da que aínda renegan moitos e moitas, especialmente desde o poder: galegos, galegas.

O poder que, cando non oculta a nosa propia imaxe, manipúlaa, defórmaa e transfórmaa nunha caricatura de nós mesmos. Desgraciadamente esta imaxe ridiculizada é a que aínda moitos galegos teñen de si como individuos e como pobo.

Somos pesimistas porque vemos a realidade que nos rodea e porque non nos conformamos con ela. E por iso mantemos a esperanza que nos dá forzas para facermos fronte á adversidade.

Chao mostrounos a verdadeira imaxe de Galiza, a do pobo, a dos humildes, a que se pode mostrar con orgullo e alegría de manterse viva contra vento e maré

E a esperanza mantémola grazas a homes e mulleres como Xosé Chao Rego, profeta contra o poder como o fora Prisciliano no seu tempo. Nesa loita de liberación contra o poder que nos cega, Chao mostrounos a verdadeira imaxe de Galiza, a do pobo, a dos humildes, a que se pode mostrar con orgullo e alegría de manterse viva contra vento e maré.

A magna obra de Xosé Chao fai case imposíbel relatar todos os aspectos que trata. Mais sempre está presente o seu país e a denuncia contra todas as formas de opresión. A súa obra constitúe o máis grande monumento ao compromiso desde e con Galiza. Pepe é dos que se molla nas augas de todos os ríos que atravesan o noso país; é dos que se atreven a nadar contracorrente e non busca o acubillo fácil das augas encoradas que non levan a ningún lugar.

A mensaxe liberadora está presente en toda a obra de quen é o maior escritor galego en cantidade e, especialmente, en calidade

A mensaxe liberadora está presente en toda a obra de quen é o maior escritor galego en cantidade e, especialmente, en calidade. Resaltamos o de galego porque non abonda con escribir desde Galiza se non se ten o compromiso de facelo como galego, o que Pepe fai xa en plenitude de conciencia desde que decidiu volver á vida, renacendo no Pedregal de Irimia, onde tamén renace cada día o Pai río das galegas e galegos.

Se xa sempre o foi, hoxe, case seis anos despois daquel Simposio-Homenaxe (29, 30 e 31 de outubro de 2004), coñecermos Pepe Chao e a súa obra é máis necesario que nunca. Hoxe os poderosos de sempre reaxen con máis virulencia e cargados de cinismo contra a base da nosa identidade e unidade nacional e colectiva, a nosa lingua. Hoxe temos que escoller entre a comodidade de deixarse levar ou tomar partido activamente con nós mesmos, cos que máis precisamos de manternos na loita como único de xeito de vencer á adversidade.

A Homenaxe a Xosé Chao foi o agradecemento colectivo a quen nos dá a fe e a esperanza imprescindíbel para acreditarmos e comprometérmonos co futuro de liberdade que chegará máis axiña que tarde.

Recoñecermos Xosé Chao foi o obxectivo do Simposio Homenaxe que o seu pobo lle tributou coa intermediación da Asociación Cultural O Galo de Santiago e co traballo de todas as persoas que achegaron os seus traballos dotando ao Simposio dun grande nivel en todos os aspectos, especialmente no humano. Desde O Galo mostramos o noso máis sincero agradecemento a todos e todas as autoras que colaboraron para que estas actas puidesen ver a luz; uns traballos de grande valor, tanto desde unha perspectiva histórica como ensaística.

O grande recoñecemento e agradecemento que existe a Chao Rego evidenciouse no Teatro Principal de Santiago onde centos de persoas acudiron á homenaxe nacional (11 de decembro de 2004) que se lle tributou

O grande recoñecemento e agradecemento que existe a Chao Rego evidenciouse no Teatro Principal de Santiago onde centos de persoas acudiron á homenaxe nacional (11 de decembro de 2004) que se lle tributou e onde se contou coa inestimábel colaboración da Asociación Cultural Musical Solfa de Santiago, da Banda Municipal de Música de Santiago de Compostela, do grupo A Quenlla e dos poetas que participan nesta publicación. Tamén na declaración, por parte do Concello de Santiago, de Xosé Chao Rego como fillo adoptivo da capital de Galiza dándolle o seu nome a unha rúa.

Ao Galo só lle correspondeu a iniciativa. Unha iniciativa tan necesaria como necesaria é a obra de Xosé Chao Rego como ferramenta para o compromiso coa que luxar as mans e construír un futuro de xustiza e paz para Galiza, o seu pobo e toda a humanidade. Galiza recoñeceu neste tributo que hoxe transformamos en publicación –grazas á colaboración da Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas–, o traballo e esforzo inesgotábel de Xosé Chao Rego, que puxo sempre o mellor de si mesmo ao servizo do seu País, da súa Nación, e xa que logo ao conxunto da humanidade, tan necesitada de recoñecerse na súa propia identidade nun mundo cada vez máis globalizado, no que se pretende reducir a pluralidade étnica, nacional, cultural, a unha lacra contraria ao progreso, nese camiño que se nos pretende marcar cara a unha visión única do mundo no que, en consecuencia, os Pobos non teñen espazo.

Pepe realizou e realiza unha obra necesaria para entender o país e a nós mesmos. A súa obra, unha vez lida, non nos resulta indiferente

Fronte a isto, Pepe realizou e realiza unha obra necesaria para entender o país e a nós mesmos. A súa obra, unha vez lida, non nos resulta indiferente. É Pepe un home apaixonado e comprometido coa Galiza até mais aló do que poida alcanzar a nosa imaxinación. O seu compromiso social e cultural levouno a proclamar e afirmar o Eu Renazo Galego. Frase que define a súa andaina e a de case que todos os galegos e galegas, xa que todos tivemos que ter un segundo nacemento, o galego, para atoparnos a nós mesmos. O primeiro fustrouse polo ocultamento do noso País e a negación da súa historia. Nacer orfos de identidade e anestesiados con vacinas inxectadas na nosa razón por quen negan, renegan e buscan suprimir Galiza. Renacer galego é atoparse co que é un e co que é o País.”

Comentarios