Obra en papel e cartón de Leopoldo Nóvoa móstrase en Compostela

Até o vindeiro mes de xuño, o Auditorio de Galiza acolle a mostra “Leopoldo Nóvoa. Papeis e cartóns”, máis de medio cento de obras dun dos grandes nomes da historia da arte galega. 

Foto: Xulio Xil
photo_camera Foto: Xulio Xil

Comisariada por Mercedes Rozas, a mostra de Leopoldo Nóvoa aberta no Auditorio de Galiza recolle máis de medio cento de obras en papel e cartón do que está considerado unha das grandes figuras da arte galega. A exposición “Leopoldo Nóvoa. Papeis e cartóns” é a primeira aberta nun centro público desde a morte do artista hai tres anos en París. 

Un poema do propio Leopoldo Nóvoa a modo de despedida atopado recentemente pola súa muller Susana Carlson nun libro na súa casa de Armenteira abre unha mostra na que, ademais da obra inclúense poemas de Catherine Topall recollidos no libro Temps de soufre que ilustrou o artista. 

“Por uns meses en Santiago xúntanse as trazas de execución do gravado e os pochoirs á actuación híbrida da pintura, colaxe e exercicio matérico (...) Leopoldo foi consciente de que para que a memoria perdurase nos seus cadros tiña que atala con “mecates” e alentala coa fraxilidade da luz trepidando sobre as cinzas, e, sobre todo, inmortalizala co silencio”, di a comisaria Mercedes Rozas dunha mostra na que se mesturan os materiais cos que o artista traballaba entre os que se atopan tamén arames, cordóns ou areas. 

De muros ao papel 

Leopoldo Nóvoa naceu en Salcedo, Pontevedra, en 1919 mais con só sete anos marcha para a Pampa arxentina de onde regresaría tres anos despois, instalándose en Vilagarcía onde seu pai exerceu de cónsul. En 1938 marcha de novo desta volta a Uruguai e en América comeza a forxar a súa traxectoria artística, fascinándose coa obra de Torres García que influiría de maneira decisiva na súa primeira etapa creativa. Da man de Luís Seoane, a quen coñece a través de Ramón de Valenzuela, abre a súa primeira exposición individual que será na galería Velázquez en Buenos Aires en 1953. Dese tempo é tamén a súa colaboración coa revista Galicia emigrante. 

En 1965 instálase definitivamente en París, despois dunha estadía en Uruguai na que, entre outros traballos, realiza o monumental Mural del Cerro en Montevideo. A camiño entre París e a súa casa de Armenteira vive os últimos anos da súa vida, converténdose nunha das principais figuras da arte galega do século XX con obras públicas como o Mural de Santa Margarita da Coruña, o cromlech do parque de Bonaval en Compostela ou o “Pousadoiro das letras” do Campus de Vigo. Desde hai uns meses abriuse na rede un espazo dedicado á obra, biografía e noticias arredor da figura de Leopoldo Nóvoa. 

Comentarios