Teatro

Camiño Escena Norte abre cunha obra onde a morte é "contexto para falar do amor"

'Quitamiedos', unha singular reflexión de Kulunka Teatro onde o eros se explora a partir do tánatos, será a primeira parada da caravana Camiño Escena Norte na Galiza. A segunda edición mantén a esencia en tempos de pandemia e trae seis espectáculos de Asturias, Cantabria e Euskal Herria, mentres dous galegos visitan estes territorios. 
'Quitamiedos' parte do encontro dun falecido nun accidente de tráfico co seu anxo da garda.
photo_camera 'Quitamiedos' parte do encontro dun falecido nun accidente de tráfico co seu anxo da garda.

Desde a paisaxe dunha curva comarcal cunha barreira de seguranza rota após un accidente de tráfico, Kulunka Teatro desenvolve unha historia na que o tempo se mide "en graos centígrados". E é que o espectáculo Quitamiedos dura desde que unha persoa morre até que o seu corpo arrefría e se funde coa temperatura ambiente.

Nese lapso de tempo prodúcese ante o público un encontro: o do falecido co seu anxo da garda. Esta é a orixinal dramaturxia que abre Camiño Escena Norte no Salón Teatro de Compostela mañá ás 18 horas.

"A morte en realidade é un contexto", matiza en conversa con Nós Diario o director da peza, Iñaki Rikarte, "o espectáculo xira arredor do amor"

"A morte en realidade é un contexto", matiza en conversa con Nós Diario o director da peza, Iñaki Rikarte, "o espectáculo xira arredor do amor". Neste senso, confróntanse dúas maneiras de entendelo: a ideal, que profesaría un anxo da garda, e o das persoas, "imperfecto, aínda que ás veces o tratamos coma se fose ideal e de aí veñen, de feito, moitos dos problemas que temos", engade.

Rikarte escribiu o texto hai oito anos. "Ás veces a creación funciona como un vaso que desborda", di. Neste caso, a pinga que o colmou é descoñecida, mais el asóciaa cun intre fugar.

Volvendo de Donostia a Gasteiz, conducindo, o dramaturgo viu un atardecer "extraordinario" e asaltouno o pensamento de que seguramente alguén perdese a vida por despistarse ollando unha posta de sol.

Desa sensación, que non ten moito que ver co texto definitivo, deixaría voar a imaxinación para elaborar unha función que desacralizada nun relato de "ciencia ficción cun ton de realismo máxico, ou por momentos de surrealismo máxico, no que se conta como é o mundo pos mortem con toda unha serie de leis inspiradas na mitoloxía xudeucristiá, pero con ironía e distancia, que agardamos lle interese ao espectador".

Circulación

Quitamiedos é o primeiro dos seis espectáculos ástures, vascos e cántabros que chegarán á Galiza como parte da caravana Escena Norte. Rikarte destaca unha iniciativa coma esta, que "significa continuar coa esencia do teatro: ser transversal".

Sobre todo ollando cara aos tempos de "proteccionismo" que se achegan, entende que "ten máis sentido que nunca porque cómpre partillar e viaxar".

A caravana percorre a Galiza até 11 de outubro

Para alén de Quitamiedos, outros cinco espectáculos ofrecerán sete funcións na Galiza: Tal vez soñar (19 de setembro en Mondoñedo e o 20 de setembro en Lugo) e Amarillo caído del cielo (27 de setembro en Sobrado dos Monxes), de Cantabria; La loka historia de Frankenstein (25 de setembro en Ribadeo e 4 de outubro en en Vilalba) e Celeste (10 de outubro en Arzúa), de Asturias, e Basoa (11 de outubro en Compostela), de Euskal Herria.

O acceso será de balde, aínda que cómpre consultar as condicións de capacidade e a maneira de retirar os billetes para cada espectáculo.

Dúas compañías galegas amosan as súas producións: La Macana, con Pink Unicorns, en Gijón, Villaviciosa, Torrelavega e Mutriku; e La Quintana Teatro, con Desde o invisible, en Navia, Oviedo, Laredo e Castro Urdiales.

Comentarios