O volume conmemora o Día das Artes Galegas 2020

A obra de Domingo de Andrade no convento de Bonaval publícase en 3D

Andrade en Bonaval, libro conmemorativo do Día das Artes Galegas 2020 e impulsado pola Real Academia Galega de Belas Artes, presentouse na xornada de onte no Museo do Pobo Galego.
claustro
photo_camera Claustro do convento de San Domingos de Bonaval. (Foto: Nós Diario)

O volume Andrade en Bonaval, ilustrado con imaxes en 3D do fotógrafo Juan Feáns, está editado polo Consorcio de Santiago xunto ao propio Museo do Pobo.

A obra, de homenaxe ao arquitecto, entallador e imaxineiro Domingo de Andrade, constitúe unha selección de fotografías en 3D da súa obra no edificio de San Domingos de Bonaval.

O legado deste artista esténdese por toda Galiza pero é en Compostela onde pervive a súa obra máis destacada: o remate da Torre do Reloxo da catedral, a remodelación da fachada do Pórtico da Gloria, a Casa da Parra ou a capela da Orde Terceira de San Fracisco. 

A pegada de Domingo de Andrade en Bonaval

No convento de San Domingos de Bonaval, declarado Ben de Interese Cultural (BIC), sobresae a tripla escaleira helicoidal e mais o claustro.

A través desta obra gráfica preténdese contribuír á divulgación dos aspectos máis sobresaíntes da intervención de Andrade no edificio do museo, tal como indica María Xosé Fernández Cerviño, redactora do texto introdutorio de Andrade en Bonaval, “a vinculación do arquitecto co convento veu da man do frade dominico Antonio de Monroi e Híjar, arcebispo de Compostela entre 1685 e 1715, que lle encarga a grande obra de remodelación de Bonaval”.

Así, con esta publicación búscase pór en valor a obra deste arquitecto barroco, o máis importante da súa época. 

O libro inclúe fotografías en 3D con gafas para poder contemplalas, as mesmas fotografías en formato bidimensional, planos do edificio, e debuxos de diferentes elementos arquitectónicos.

Comentarios