Caxigueiro alén da arxila: ampliar rexistros sen perder a cerna social

A retrospectiva de Caxigueiro que acollía o Museo de Lugo o pasado ano baixo o título 'A métrica do ilusionismo' deixa pegada nun catálogo que se presenta hoxe ás 12 horas na propia institución. A publicación dá conta da exploración de novos formatos sen perder de vista a perspectiva social que caracteriza o artista.
Daniel Río Rubal, máis coñecido como Caxigueiro, cunha peza da exposición 'A métrica do ilusionismo'.
photo_camera Daniel Río Rubal, máis coñecido como Caxigueiro, cunha peza da exposición 'A métrica do ilusionismo'.

"Despois dunha mostra quedan emocións e con sorte un catálogo", declaraba Daniel Río Rubal (Mondoñedo, 1955) ao anunciar, a través das redes sociais, a presentación hoxe ás 12 horas de A métrica do ilusionismo.

Será no propio Museo de Lugo, que acolleu a exposición homónima deste artista plástico máis coñecido como Caxigueiro entre o 19 de decembro de 2019 e o 25 de febreiro de 2020, e poderase seguir en directo desde a páxina do Facebook da entidade.Caxigueiro 1

A mostra reunía unha selección de traballos desde 2005 até a actualidade nunha retrospectiva que condensaba o pensamento e o proceso creativo do autor máis alá do período, nos últimos tres lustros. Nela, alén da faceta máis coñecida de Caxigueiro como escultor, comparecía tamén o uso doutros rexistros igualmente importantes, como a fotografía, a instalación e a poesía.

A poesía irriga a creación

É esta última dimensión algo que, segundo revela en conversa con Nós Diario, sempre estivo aí: "Non está separada da miña obra, forma parte dela". Irrigando a súa creación de maneira máis ou menos visíbel, o catálogo non só inclúe aqueles poemas que aparecían explicitamente nas instalacións, senón que se interna (nunha separata a modo de poemario) nos versos que conforman o substrato da súa obra, facendo, se cabe, máis patente esa vertente lírica que tingue o traballo.

"Eu sempre escribín e sempre fixen fotografías", asegura Caxigueiro, mais non foi até os últimos anos que incorporou estas dúas facetas no seu discurso expositivo

"Eu sempre escribín e sempre fixen fotografías", asegura Caxigueiro, mais non foi até os últimos anos que incorporou estas dúas facetas no seu discurso expositivo, como antes fixera coa instalación. E é que aínda que "un se manexa mellor en certos rexistros", co tempo "vaste familiarizando" co uso doutras expresións, sempre "cun modo persoal en cada unha delas".

A fotografía como solución

No caso da fotografía, a incorporación remóntase a comezos da década dos 90, porén non acada unha presenza notábel até os últimos anos. Caxigueiro confesa que foi aparecendo tamén por condicionantes do "lento proceso de traballo" na escultura que o levaron a usar "materiais que non teñen que ver cos habituais" para "resolver algúns problemas técnicos ou para comunicar mellor".Caxigueiro 2

Entre esas limitacións que motivan a exploración noutros territorios creativos, Caxigueiro refire, por exemplo, a dificultade de usar grandes formatos na arxila -desde unha visión contemporánea-, un problema de escala que solventaba acudindo a outros soportes, consonte á maior liberdade actual da arte contemporánea para "rachar cos prexuízos de usar diferentes rexistros", di Caxigueiro.

Independentemente do medio, a mostra deixa albiscar unha ollada singular. O artista percibe na escolma desta retrospectiva a súa evolución sobre todo no que atinxe ás "solucións formais", mais acha que se manteñen inmutábeis "as características conceptuais".

O seu interese é transmitir "aspectos sociais", mais sempre desde un punto de vista plástico que foxe do "panfleto polo panfleto"

Neste senso, non dubida en sinalar o seu interese por transmitir "aspectos sociais", mais sempre desde un punto de vista plástico que foxe do "panfleto polo panfleto". Isto conxúgase, aliás, cos seus intereses persoais e íntimos, que se atopan convocados especialmente nesa ampliación de rexistros que lle permitiría "falar de cousas máis cotiás".

Índole social

A métrica do ilusionismo ten como precedente a mostra Narracións, escolma das pezas máis emblemáticas da produción de Caxigueiro entre 1989 e 2004.

Se na anterior xa incorporaba a instalación, nesta "os distintos campos artísticos intégranse para dar forma a un discurso de índole social, atento ao desenvolvemento individual e colectivo do ser humano, crítico coas agresións ás liberdades e ao medio natural, que parte de referentes locais e que ofrece lecturas globais", sintetiza no catálogo Maite Ferreiro, vicepresidenta e deputada delegada de Cultura, Patrimonio e Normalización Lingüística da Deputación de Lugo.

O deseño da publicación, obra de Diego Núñez, representa "moi ben" para Caxigueiro o seu modo de ver, recoñece satisfeito. As imaxes da exposición asínaas Ovidio Aldegunde.

Comentarios