A obra de Ángela de la Cruz volve á Coruña

A artista Ángela de la Cruz reside e crea en Londres desde finais dos anos oitenta e agora regresa á Coruña, a súa cidade natal, para inaugurar na Fundación Luís Seoane a exposición Escombros con obra dos últimos cinco anos.

cruz

Dezasete pezas creadas dos anos 2009 a 2014 compoñen a exposición Escombros que trae a súa cidade natal da Coruña a obra recente de Ángela de la Cruz, un dos grandes nomes da arte contemporánea. Comisariada por Carolina Grau, a mostra toma título dunha das obras expostas nas que a artista se achega aos entullos, ao lixo dos océanos que finalmente chega a beiramar e no que se adiviñan algúns dos temas das súas obra como os desastres naturais e, de maneira especial, o tsunami de Tailandia de hai dez anos que impactou á artista. 

En cores branca e marrón, a obra pictórica de Ángela de la Cruz logra gozar de condición escultórica nunha proposta na que os obxectos evocan o uso pasado, reciclados para a creación artística na vontade que mantén ao longo da súa traxectoria de incorporalos a súa creación pictórica á maneira de esculturas con historia propia anexas e integradas no conxunto. O diálogo entre escultura e pintura, constante na súa obra, queda á vista nas pezas expostas na mostra da Coruña. A exposición, concibida para a Fundación Luís Seoane, ocupará a primeira planta completa ademais do patio e a biblioteca do centro. Un vídeo da fotógrafa Ione Saizar e un libro con ensaios da comisaria Carolina Grau, do director da Fundación, David Barro e da propia artista serán editados con motivo da mostra. 

O salto do Turner

Nacida na Coruña, Ángela de la Cruz estuda Filosofía en Santiago antes de se trasladar a Londres a fins dos anos oitenta onde desenvolverá a súa traxectoria artística. O proxecto Larger than Life, un lenzo retorcido dentro dun bastidor de grandes dimensións pensado para a pista de baile do Royal Festival Hall,  de finais dos anos noventa supón un salto na carreira da artista. En 2010 resulta finalista do Premio Turner, recoñecemento que supón un novo lanzamento internacional para Ángela de la Cruz. 

A mostra estará aberta desde o 18 de febreiro até o 24 de maio na Fundación Luís Seoane da Coruña. 

Comentarios