Mostra de poemas e colaxes en Compostela

O oblicuo álbum familiar da poeta Emma Pedreira

O avó da poeta Emma Pedreira era fotógrafo. O seu estudo na rúa Rego de Auga, no corazón da Coruña, recollía esa parte privada da memoria da comunidade que eran as imaxes. Vicente Lombardía morreu en 1997, anos despois de pechar a oficina e de destruír e regalar unha gran porción do seu traballo. Agás unha caixa de cartón descuberta pola familia.
 

emma pedreira
photo_camera A poeta Emma Pedreira. Foto: Edicións Xerais.

No seu contido baseouse Pedreira para os poemas e colaxes da mostra O Fotógrafo, que esta quinta feira inaugúrase na libraría Chan da Pólvora, en Compostela, a partir das sete do serán. Antes viuse no local da asociación cultural Alexandre Bóveda da Coruña.

cartaz o fotógrafo na chan

Nese contedor extraviado atopábase o álbum persoal de Lombardía. “Tiña unha cantas fotos desordenadas. As máis delas eran da época en que aprendeu o oficio de fotógrafo”, conta a poeta na presentación da mostra, “facendo o servizo militar no bando nacional cando a Guerra Civil”. Apenas un adolescente, aprendeu a retratar “persoas, lugares e momentos”.

Pedreira, autora de libros referenciais na poesía galega recente -Diario bautismal dunha anarquista morta (Espiral Maior, 1999), Casa de orfas (Espiral Maior, 2006) ou Libro das mentiras (Espiral Maior, 2012)-, utilizou eses materiais que viaxaron no tempo para escribir. “Trato de lle dar unha historia de fondo á historia que quedou sen rematar”, di, e asemade realizar “unha homenaxe ao seu avó e a toda a súa familia”.

Trece colaxes e oito poemas fan parte de O fotógrafo, “un álbum familiar cifrado en que atoparse intimamente e unha exhibición da parte máis cruenta e silenciada da historia”.

Nota: o cartel de O fotógrafo, mostra de colaxes e poemas de Emma Pedreira.

Comentarios