Cúmprese o centenario do primeiro número do xornal 'Galicia. Diario de Vigo'

O xornal estivo activo até setembro de 1926.
Dous exemplares do xornal 'Galicia', de 1924, con 'Cousas da vida', de Castelao. (Foto: Lameiro)
photo_camera Dous exemplares do xornal 'Galicia', de 1924, con cadansúa 'Cousas da vida', de Castelao. (Foto: Lameiro)

Esta segunda feira cumpriuse o centenario da publicación do primeiro número do xornal Galicia. Diario de Vigo, o 25 de xullo de 1922, que estivo presente na Galiza entre ese ano e 1926, durante os primeiros anos da ditadura de Miguel Primo de Rivera.

O diario, de carácter galeguista, contou no seu equipo de redactores con Roberto Blanco Torres e Manuel Lustres Rivas, entre outros; con Valentín Paz Andrade como redactor xefe primeiro e director posteriormente. Precisamente, Paz Andrade chegou a ser detido en 1924 por varias publicacións en Galicia.

Ademais, Castelao tamén foi partícipe do proxecto como encargado do deseño da cabeceira do xornal, para a que achegou elementos xa presentes en A Nosa Terra ou na revista Nós.

Ademais, o xornal contou con un amplo grupo de colaboradores vencellado ao movemento galeguista da época, como Lousada Diéguez, os irmáns Vilar Ponte, Vicente Risco, Xaime Quintanilla, Ramón Cabanillas, Manuel Antonio, Xosé Núñez Búa, Fermín Bouza-Brey e Rafael Dieste, entre outros.

Acoso da ditadura

Pouco máis dun ano despois do nacemento do xornal, o xeneral Miguel Primo de Rivera iniciou unha sublevación militar que levou a un posterior golpe de Estado. Isto levouno a ocupar a presidencia do Estado español nunha ditadura até 1930.

Desde o primeiro momento, a liña contraria de Galicia ante o réxime de Primo de Rivera fixo que o Goberno español aplicase constantemente a censura contra o diario.

A finais de 1925, as autoridades decretaron a suspensión indefinida do xornal. Unha decisión que foi revocada pola mediación de Xosé Palacios Ramilo e Xosé Bermúdez Lapuente, conde de Castelo.

Finalmente, Galicia. Diario de Vigo deixaría de publicarse o 15 de setembro de 1926.

Comentarios