O Xan Campos Trío levará o jazz pola súa andaina dende O Morrazo até Iruña

O segundo disco desta banda galaico-asturiana, nacida en Donosti, foi elixida entre os mellores discos do ano pola prensa especializada internacional

jazz
photo_camera Foto:Alex García. Alex.jazztk.com

 O segundo disco do Xan Campos Trío arrinca a súa xira polo norte da Península que comezará esta sexta-feira no Auditorio Municipal de Cangas e culminará en Iruña, Navarra, o vindeiro 24 de abril. O novo álbum deste trío composto polos cangueses Xan Campos ao piano e Iago Fernández á batería, mailo asturiano Horacio García no contrabaixo, foi situado entre os mellores albumes do ano pola prensa especializada.

Orixe Cero infiltrouse nos primeiros postos das lista de Distrito Jazz e Ahora Jazz, mais tamén conquistou á crítica estranxeira, coma á publicación estadounidense All About Jazz, a grega Jazz & Tzaz ou En clave de jazz de Uruguai, un fito para un conxunto que só leva seis anos sobre as táboas.

A orixe deste éxito hai que procurala no Seminario Permanente de Jazz de Pontevedra, onde tanto Campos coma o percusionista Fernández, estudaron ao son da batuta de históricos coma Abe Rábade e Paco Charlín. “Tocar cos nosos ídolos foi o que nos enganchou a esta música, xa que sempre teimaron en facernos tocar xuntos e improvisar cos recursos que tiveramos coma unha reto constante”, explica Campos.

Estilo consolidado no país

O nacemento do grupo hai que procuralo, no entanto, en Euskadi, lugar onde coñecerían o terceiro integrante, o contrabaixista asturiano Horacio García, e co que compartirían estudos no Donosti Musikene. “Malia a tradición jazzística desta cidade, é moito mais doado acordar unha jam session na Galiza”, afirma Campos, “a parte do festival, no que só o 30% do presuposto se destina ao jazz, a maioría dos clubes adicados a este estilo reconverteron en discotecas”.

Nas Rías Baixas, asegura Campos, hai unha jam session practicamente todos os días, repartidas entre bares como o A casa de arriba, o Contrabajo ou o Xáncara Jazz. A pesar de recoñecer o moito que se sente a crise económica na Galiza, “na falta de subvencións” á cultura, de recursos nos festivais e clubes e nas limitacións económicas do público, “cada vez con menos diñeiro para pagar unha entrada ou tomar unhas copas”, Campos asegura que o jazz “é un estilo xa consolidado no país”.

“Prodúcese un círculo que se retroalimenta: o traballo dos músicos de jazz, das escolas e dos festivais e clubes lograron afianzar un número de seguidores moi fieis e que, cada vez, se involucran e exixen máis”, asegura o pianista.

Teremos que agardar até despois do verán para coñecer o terceiro álbum destes músicos que, malia a súa curta idade, conseguiron facerse oco no panteón dos grandes do jazz galego, combinando outros estilos como o folk, o rock, a música clásica e a electrónica.  

Comentarios