A pandemia deixou 25.000 mortes na Galiza

O virus da gripe de 1918: 25.000 falecementos en dous meses

A extensión do coronavirus devolveu á actualidade a gripe de 1918. A epidemia chegou á Galiza en outubro 1918, ficando arredor de 25.000 mortas nun prazo de dous mes. A pandemia deixou en coiros o réxime da I Restauración, que aproveitou a traxedia para amordazar a protesta e recortar os dereitos e as liberdades.

Persoal do hospital de Ourense premiado polo seu labor na epidemia gripal de 1918 [Imaxe: Vida Gallega].
photo_camera Persoal do hospital de Ourense premiado polo seu labor na epidemia gripal de 1918 [Imaxe: Vida Gallega].

1918 ficou na memoria das nosas maiores como o ano da gripe. A pandemia, coñecida popularmente como a gripe española, xurdiu nos Estados Unidos, exportouse desde a Europa en guerra a todo o mundo, desenvolveuse ao longo de diversas fases entre 1918 e 1920 e chegou a matar entre 50 e 100  millóns de persoas en todo o planeta, 300.000 delas no Estado español.

A mortalidade pola gripe foi moi alta na Galiza. Segundos os datos achegados por Gerardo Chowell, Anton Erkoreka, Cécile Viboud e Beatriz Echeverri-Dávila, no seu estudo sobre a epidemia no Estado publicado en BMC Infectious Diseases, o número de mortes no noso país situouse por riba das 25.500. As porcentaxes máis elevadas de defuncións correspondéronse coas comarcas coruñesas e ourensás, afectando de xeito moi particular os sectores sociais máis desfavorecidos, situados na franxa de idade de 20 a 40 anos.

A censura informativa impediu durante moito tempo ter unha visión axustada da gravidade da pandemia, porén as propias novas publicadas naquela altura na prensa non podían agochar o alcance do desastre. Así, por exemplo, o diario El Progreso, no seu número de 12 de novembro sinalaba en relación con Foz que “se desenvolveu a epidemia nese pobo dun xeito que aterroriza e o número de defuncións a consecuencia da mesma é impoñente”. Noutra banda do país, o 22 de outubro, o xornal  La Región recollía para Camporredondo, en Ribadavia, “130 atacados, 10 deles gravemente. En catro días houbo cinco defuncións. Non tocan as campás a morto para non alarmar os que están graves”.

A censura informativa impediu durante moito tempo ter unha visión axustada da gravidade da pandemia, porén as propias novas publicadas naquela altura na prensa non podían agochar o alcance do desastre

A epidemia evidenciou as limitacións do réxime da I Restauración. A expansión da enfermidade viuse favorecida pola ausencia de medios para controlala e pola falla de vontade política para combatela, até o punto de pór ao descuberto as carencias sanitarias da Galiza e o empobrecemento da poboación, como sinalara Daniel Castelao, que nese momento retornou temporalmente á medicina para facer fronte á gripe en Rianxo.

As autoridades públicas limitáronse a suxerir medidas preventivas que non significasen compromisos económicos. A resposta gobernativa non implicou en ningún momento un aumento de medios materiais para facer fronte á situación e restrinxíronse as disposicións sen ningún tipo de coordinación, como a suspensión das Festas de San Froilán en Lugo, con duros enfrontamentos coas polbeiras, das San Lucas en Mondoñedo ou de Santos en Monterroso. Sen ir máis lonxe, a pandemia obrigou a adiar para o 18 e o 19 de novembro a asemblea nacionalista de Lugo, prevista nun primeiro momento para o 10 de outubro.

As autoridades públicas limitáronse a suxerir medidas preventivas que non significasen compromisos económicos. A resposta gobernativa non implicou en ningún momento un aumento de medios materiais

Contención

As medidas de contención da doenza, dirixidas desde os Gobernos civís, tiveron un carácter rutineiro e limitáronse a aprobar disposicións de difícil cumprimento. Así, para os concellos da circunscrición  Lugo, o Boletín Oficial da Provincia, de 30 de setembro obrigaba “fechar as escolas até que desapareza enfermidade”, “prohibir a celebración de bailes públicos que teñen lugar nos días festivos nos salóns parroquiais”, “igualmente prohibir toda xuntanza que dea lugar a aglomeración de xente” e “recomendar á veciñanza a que proceda a observar as maiores regras de hixiene, tendo ben limpas e ventiladas as habitacións”.

As responsábeis sanitarias achegaron diversas recomendacións para responder á situación. Por exemplo, o Concello de Lugo instaba á “limpeza esmerada do corpo (baños e locións) e especialmente de boca e nariz”, a “lavar as mans con coidado sempre que se emporquen coa doente”, ao “branqueo interior e exterior con cal das vivendas” ou a “non visitar as doentes da gripe”.

O poder político aproveitou a epidemia gripal para abrir a porta a unha saída reaccionaria no contexto de crise definitiva do réxime da I Restauración. As disposicións e normativas destinadas a impedir a extensión da doenza, onde a limitación do dereito de reunión ocupaba un lugar central, empregáronse para recortar os dereitos individuais e colectivos e moi particularmente para loitar contra a vaga de protestas que percorreu Galiza ao longo de 1918.

O poder político aproveitou a epidemia gripal para abrir a porta a unha saída reaccionaria no contexto de crise definitiva do réxime da I Restauración

As participantes das mobilizacións vividas en diversas localidades galegas o mes de decembro de 1918 foron sancionadas en aplicación das medidas legais aprobadas para combater a enfermidade. Así, o día 3 xornal El Progreso daba conta do encarceramento “dos líderes obreiros Manuel Vila, Enrique Blanco, Manuel Varela por participar nas desordes incumprindo o disposto na normativa para evitar a extensión do virus gripal”. Outro tanto aconteceu días máis tarde no Carballiño e Monforte de Lemos, onde foi clausurada a actividade do sindicato ferroviario con ese mesmo argumento.

O choque do coronavirus

A xornalista canadense Naomi Klein [Imaxe: Nós Diario].

Á volta de 2007, a xornalista canadense Naomi Klein daba ao prelo a Doutrina do choque. A ascensión do capitalismo do desastre, onde analizaba como o sistema impón as súas políticas aproveitando o impacto na psicoloxía social dos desastres. As experiencias estudadas por Klein son exemplos para non repetir co coronavirus.

Comentarios