Caderno Máis

O verán de... Belén Regueira: "Gustaríame recuperar máis vida cultural"

Entrevistamos a xornalista no caderno de verán de Nós Diario.
A xornalista galega Belén Regueira. (Foto: Nós Diario) #belénregueira #xornalista #radiogalega
photo_camera A xornalista galega Belén Regueira. (Foto: Nós Diario)

-Pode unha xornalista coma vostede coller vacacións ou hai moito traballo durante o verán? Como se desenvolveron estes meses?

A unha xornalista da miña nula importancia tócalle, neste caso, traballar durante o verán na área de Cultura da Radio Galega. Cadrou así, pero o deserto que é a redacción en agosto tamén ten as súas vantaxes.

-Que lle gusta facer no seu tempo libre?

Pois, en primeiro lugar, estar ceiba do reloxo e do teléfono, que é o que máis descansa a cabeza. E exercer o dereito a non facer nada en particular, que ter que encher o tempo libre de actividades é unha escravitude algo absurda. Polo demais, cousas moi simples: pasear polo monte e pola beira do mar, compartir tempo coa xente que aprecio, aprender sobre aquilo que me interesa, desfrutar da ficción en calquera formato... 

-E durante o verán, que actividades adoita realizar?

Hai que aproveitar para facer a fotosíntese, desde logo, pero eu pouco aguanto na praia. Adoitaba viaxar, mais xa antes da pandemia empecei a perder parte da ansia. Cambiar de escenario, se se pode, fai ben, pero seguramente non é imprescindíbel ir moi lonxe nin coleccionar destinos nin acabar as vacacións máis cansa do que as empezaches. 

-Realizou algunha viaxe ou fixo algún plan diferente durante estas vacacións estivais?

Nada máis e nada menos que volver ver a familia que vive fóra da Galiza e as amigas ás que practicamente só vira pantalla mediante desde marzo do ano pasado. 

-Cambiou a Covid-19 algunha actividade que pensaba facer durante estes meses?

Non fixera plan ningún, coa pandemia non facemos máis que improvisar. Gustaríame recuperar máis vida cultural fóra da casa e sobre todo a música en directo, pero coas limitacións de capacidade hai que andar rápida para conseguir entradas. 

-Que recomendaría facer no que queda de verán?

Ler Illa Decepción de Berta Dávila escoitando Grande Amore. E visitar a desembocadura do Miño.

Comentarios