Caderno de Verán

O verán de... Carlos Negro: "Hai que aproveitar ese tempo de ocio no que un está máis relaxado mentalmente para intentar crear"

carlos negro

—Manuel Rivas di que non hai un uniforme de escritor que quitar durante o verán. Vostede está de acordo ou colle vacacións?

Non, diría que non. O profesor colle vacacións e o escritor traballa no verán. Hai que aproveitar ese tempo de ocio no que un está máis relaxado mentalmente para intentar crear e traballar na escrita. Evidentemente, combínase con tempo de lecer e de descanso, pero o verán, dadas as circunstancias da vida, adoita ser un tempo de traballo para quen escribe.

—Coida que este será un verán produtivo no que se refire á escrita?

Eu preguntaríalle ás musas ou aos musos! No meu caso, vou remexendo ideas durante todo o ano e no verán márcome un horario fixo para escribir.

—Comentou antes que o traballo cómpre combinalo con tempo de lecer. Que lle gusta facer no seu tempo libre?

Pois agora mesmo, supoño que como a todo mundo, gustaríame viaxar, cambiar de rutinas, mais tamén poder estar máis tempo coa familia e coas amizades. En xeral desfruto moito viaxando, paseando, indo ao cine, lendo... nada excepcional pero, nun contexto da pandemia, son actividades que botamos en falta, como ir a unha verbena!

"Aproveito o tempo de lecer no que estou máis relaxado para intentar crear e traballar na escrita" 

—Polo de agora a Covid-19 cambiou os seus plans?

Si truncou a posibilidade de poder ter planificado unha viaxe a algún destino lonxe da Galiza, pero nada transcendental. Penso que temos un país fermoso para percorrer e para visitar, e en xeral calquera lugar da Península Ibérica pode ser interesante. Coido que as viaxes a destinos máis afastados poden agardar. O importante para min é desfrutar do día a día e reconectarme coa xente máis que viaxar a un sitio paradisíaco.

—Hai algún lugar ao que lle guste ir durante as vacacións?

Sempre me gusta volver á miña terra, a comarca do Deza, e percorrer algúns camiños. Un lugar que me gusta moito é a Serra do Candán ou a zona do río Arnego, lugares familiares que recomendo visitar. 

—Recoméndenos algunha lectura para este verán?

Calquera libro de poesía galega actual penso que pode ser unha boa opción para as vacacións.

Comentarios