O Sorriso de Daniel quere quitarlle as cancelas a Santo Estevo de Ribas do Sil

Ao Sorriso de Daniel a cancela que impide achegarse á ábsida de Santo Estevo de Ribas de Sil incomódalle. Para abrir as portas, chegaron a un acordo coas partes implicadas e van cumprir a primeira parte do trato. Limpar a contorna da igrexa para que as portas se abran. Será o próximo día 20.

 

San Estevo de Ribas de Sil
photo_camera San Estevo de Ribas de Sil

A Asociación O Sorriso de Daniel estima que Santo Estevo de Ribas de Sil ten que ser patrimonio compartido e aberto a todo o mundo. Por iso magoábanlle as cancelas que impedían gozar dunha das ábsidas máis apreciadas do románico galego. Co fin de quitarlle as barreiras, puxéronse en contacto coas partes implicadas, a Diócese de Ourense, o cura de Santo Estevo, o Director do Parador e a familia propietaria da finca co fin de chegar a un acordo para abrir as portas e que as persoas visitantes poidan gozar do románico. 

O que O Sorriso ofrecía era limpar a contorna da igrexa e, a cambio, pedían que as portas se abrisen. Trato feito e así, o próximo día 20 convocan ás 11 dianate do mosteiro de Santo Estevo a quen queira participar da limpeza colectiva. A poder ser, mellor armarse con sacho, enciño, desbrozadora, tesoura de poder, gadaña ou o que cada quen estime para que aquilo quede visitábel. 

“Nós daremos este primeiro paso para que se cumpra o soño de uqe a derradeira porta de Santo Estevo de Ribas de Sil quede aberta” din no seu blogue, no que convidan a partillar da limpeza comunal na que, sen dúbida, lembrarán aquel primeiro encontro colectivo para poñer á vista o románico en Santo Estevo de Pardollán, unha das primeiras accións da Asociación. 

Comentarios