xoves 28.05.2020
Especial Carvalho Calero

O signo assim ordena

Alén da paixón pola lingua e a literatura en todas as súas formas, desde o ensaio até a poesía, desde os romances até o xornalismo... Alén do compromiso social e político que tanto os caracterizaban, Ricardo Carvalho Calero e José Saramago partillaban un mesmo espazo astrolóxico, os dous son "escorpianos". E ao igual que acontece coa obra de Saramago, unha das facetas menos coñecidas de Carvalho Calero é tamén a poética. 
O autor de 'Scórpio', nun dos numerosos actos públicos que encabezou.
O autor de 'Scórpio', nun dos numerosos actos públicos que encabezou.

SIGNO DE ESCORPIÃO. Para ti, saberás, não há descanso, / a paz não é contigo nem fortuna: / O signo assim ordena. / Pagam-te os astros bem / por essa guerra: / por mais curta que a vida for contada, / não a terás pequena. (Saramago, 1985, páxina 28).

Ao pouco de coñecer que a RAG dedicaba o Día das Letras Galegas a Carvalho Calero quixen recuperar da miña memoria o ilustre polígrafo e procurei nos andeis da miña biblioteca algún dos seus libros. Nun estante polo que non transito habitualmente atopei Scórpio, o romance publicado no ano 1987 pola editorial Sotelo Blanco e galardoado co Premio da Crítica Española para narrativa en galego. Unha novela moi elaborada a partir de elementos claramente autobiográficos que baixo un enfoque literario polifónico constrúe a identidade do protagonista con retallos doutras personaxes, acadando un resultado final atraente e moi orixinal. Afondei algo máis na obra do ferrolán e axiña me decatei do seu enorme legado. Foi un escritor moi prolífico, cunha inxente traxectoria intelectual e profesional fortemente alicerzada. Un universo enteiro ignorado e silenciado por escuros poderes molestos coa súa firme actitude a favor do reencontro da familia lingüística galego-portuguesa. Un universo enteiro que agardaba ser descuberto, malia que nunca estivo agochado. 

A obra de Carvalho Calero abrangue todos os xéneros literarios, mais destaca o eido ensaístico

Carvalho Calero e Saramago eran "escorpianos" e, segundo a astroloxía, os individuos nados baixo ese signo, polo mero feito de vir ao mundo nunhas datas concretas, posúen unha serie de características que moldearán a súa personalidade cuns parámetros estandarizados por moreas de crenzas, supersticións e rituais propios do pensamento máxico que se remonta cando menos ao terceiro milenio a. C.  Á marxe das particularidades casuísticas, somos proclives a tender pontes para esclarecer e satisfacer as nosas necesidades, remediando asuntos que non teñen solución, cunha linguaxe simbólica que mediante recursos plásticos, lingüísticos, sonoros e corporais pretende encher os baleiros espirituais. En palabras de Picasso: "a arte é a mentira que nos axuda a ver a verdade".

A obra de Carvalho Calero abrangue todos os xéneros literarios, pero é máis copiosa no eido ensaístico, no que deixou obras de referencia obrigada. Unha das súas facetas menos coñecidas é a poética, malia que el mesmo confesou que o máis íntimo da súa personalidade estaba reflectido na súa poesía. Precisamente, noutro estante a carón da fiestra, nun espazo que teño reservado ao xénero lírico, dei cun poemario titulado Reticencias, publicado postumamente por Sotelo Blanco en 1990, e logo de maneira sucesiva, unha detrás doutra, foron caendo nas miñas mans as súas obras procedentes de diferentes lugares, e fiquei abraiado coa súa incríbel biografía. A medida que ía esvarando polas ringleiras dos seus libros caía na conta da lóxica esmagadora desenvolvida nos seus numerosos e concienciudos ensaios e cheguei a  interiorizar aquela sentenza que repetiu unha e outra vez ao longo da súa vida: "a única esperanza para a supervivencia do galego está na unidade lingüística galego portuguesa" nunha concordia lingüística que integre a peculiaridade do pobo galego sen subordinar a identidade da nosa idiosincrasia como nación e como pobo.

No espazo que hai entre Escorpio e Saxitario atópase a constelación de Ofiuco (O encantador de serpes) á que xa cualifican como un novo signo zodiacal. O recente bautismo dunha estrela amarela anana dun tamaño semellante ao do sol co nome de Rosalia de Castro e o seu exoplaneta HD 149143 b, agora Río Sar, nesa mesma galaxia,  puxo na palestra cósmica á escritora máis universal da Galiza.

Os maios xa están de camiño guiados por un astro resplandecente, convencidos de que algo grande vai acontecer. Aproveitando que este novo ano 2020 as Letras son para Carvalho Calero e o grao de luminosidade do ceo azul pode mudar a súa cor coas nosas propias palabras: ruboricémola fala até que madureza no horizonte cunha liña encarnada. O signo assim ordena.

comentarios