O rock galego homenaxea aos Zënzar

Dezaoito grupos versionan temas da veterana banda de Cerceda en "Vai polos padriños". O propio grupo descubriu a sorpresa no programa "Planeta Furancho" da Radio Galega.
Capa Tributo
photo_camera Capa Tributo


Coa lingua galega e o rock por bandeira, os Zënzar cumpren o 25º aniversario con sorpresa en formato de traballo discográfico tributo. A histórica formación de Cerceda, debutou co nome de Mördor en 1988, sempre apostou pola lingua galega como un principio básico irrenunciábel. Partillou innumerábeis directos e gravacións coas amizades. Delas xurdiu a idea de lembrar tantos bos momentos e o respecto pola veteranía.

Foi no concerto que os de Cerceda fixeron na Sala Josper para presentar o seu último traballo discográfico. Mentras tocaban entre o público moit@s colegas e alguén dixo "hai que facerlles un disco tributo". O proxecto colleu forza ao poñerse en contacto uns grupos con outros até pasar das 20 bandas.

"Foi o boca a orella, ao final quedaron 18 grupos por cuestións de axenda e traballo e aínda outros quixeron engadirse logo", afirma Vituco, dos Ruxe-Ruxe e director do programa "Planeta Furancho" da Radio Galega. Foi neste programa onde se presentou este traballo discográfico coa sorpresa dos propios membros de Zënzar que non sabían nada. "Enteráronse alí mesmo, non deixa de ser un grupo de amigos que lle canta a outros amigos".

Mario, ex-Túzaros e agora en Invivo, pensa que este é "un dos mellores discos de rock dos últimos anos". Os grupos achegaron cada un unha peza nas datas "e de xeito moi profesional" e "co seu estilo propio". Este traballo discográfico presentarase na Sala Capitol de Compostela o vindeiro 8 de marzo nun concerto no que actuarán os propios Zënzar, Invivo e Machina. 

Dezaoito grupos

Neste traballo tributo dezaoito grupos do país versionan temas de toda a discografía dos Zënzar. Participan Machina ("Cochos"), Desequilibrio Mental ("Chove"), Nao ("A fin do mundo"), Balbordo Público ("Sigue... e dalle"), O Son do galpóm ("O informal"), K-Raxe ("Bourando"), Pito de PiKasso ("Doutor"), Compañía do ruído ("Cheira mal"), Chícharo Psicótico ("Cousa branca"), MeDoMedÁ ("Dalle"), Raiba ("E ti que pensas"), O Jallo Light ("Matar por matar"), Os Tres Trebóns e os Homes sen Medo ("Tiven un bar"), Dios Ke Te Crew ("A tribo"), Invivo, Secho e os Invisibles ("Chegando a casa"), Ruxe-Ruxe (Ratos no hórreo") e Mr. Kamándula ("Nacín libre").

No libreto do CD os grupo din que este traballo non é un agradecemento senón un "un toque de atención para que non se despisten e dentro doutros 25 anos podamos sacar o segundo volume. Que así sexa amigos!". Esta homenaxe musical presentarase no concerto que os Zënzar realizará en datas vindeiras. Após poderase escoitar a través da rede.

Comentarios