O regreso de Teresa

En Memorias dunha republicana (Edicións Laiovento) Teresa Alvajar López deixa escrita a súa historia, unha biografía atravesada pola represión que agromou co golpe militar de 1936 do cal foron víctimas todos e cada un dos membros da súa familia.  A sua, ademais, é a biografía dunha loitadora, unha vida de exilios políticos e persoais, do drama e a supervivencia dunha muller que se viu na obriga de sufrir para defender a súa liberdade. A profesora Aurora Marco edita as memorias da filla pequena de Amparo López Jean e César Alvajar.
Teresa Alvajar coa súa irmá Ana María
photo_camera Teresa Alvajar coa súa irmá Ana María

Cunha longa traxectoria na recuperación da historia e os nomes das mulleres, Aurora Marco contribúe desta volta a un persoal proxecto do cak se manifesta só transmisora. A recente edición das memorias de Teresa Alvajar López vén da súa man, do convencemento de que esta era unha historia que se tiña que facer pública e así llo dixo á protagonista nunha visita que lle fixo a súa casa de Sevilla. Teresa escribira xa parte das súas memorias, o que faltaba completouse ao ditado da súa filla Elena, con que vive desde hai uns anos.

A historia da familia de César Alvajar e Amparo López foise desempoando aos poucos. Agora os artigos do pai, agora o papel da nai no republicanismo da Coruña, agora a singular figura da súa irmá escritora e tradutora Amparo, agora as memorias de Ana María ou a traxectoria política de Javier. Quedaba a pequena. De Mª Teresa sabíase por Soltando lastre, autobiografía de Ana Mª, que estivera detida no cárcere da Coruña e seguira os seus pais no exilio, porén poucos datos máis chegaran ao seu país de nacenza.

César Alvajar e Amparo López Jean morreran no exilio e só entrado o novo século as fillas conseguiran que as súas cinzas regresasen para sempre á cidade da Coruña. No acto xa só Teresa era testemuña para asistir a ese agardado regreso. Viña de Madrid, o seu lugar de residencia entón, e corría un tempo en que a recuperación da memoria entraba xa na axenda institucional dunha Xunta de Galiza que até aquel momento esquecera facer xustiza coas vítimas da represión.

"César Alvajar e Amparo López Jean morreran no exilio e só entrado o novo século as fillas conseguiran que as súas cinzas regresasen para sempre á cidade da Coruña".


Pouco despois, Teresa Alvajar foi convidada ao acto de homenaxe “Mulleres con Memoria” que se celebrou o 3 de marzo de 2007, organizado pola consellaría de Cultura e Deporte. Alvajar, pola orde alfabética do apelido, foi a primeira das trinta en subir ao escenario. O seu foi un berro forte, cheo de enerxía, con que lembrou as mulleres que compartiran canda ela cadea e defendeu a liberdade nun discurso que rematou cun “Viva Galiza Ceibe!” que estarreceu todo o auditorio. A partir de aí, Teresa Alvajar recibiu premios e homenaxes na súa terra, do Alexandre Bóveda á Republicana de Honra e en cada un mostraba a súa felicidade porque a luz se deitara sobre a historia silenciada. Dese episodio parte Aurora Marco na introdución de Memorias dunha republicana porque a ela, como a todas alí presentes costaralle esquecer aquela vibrante intervención de Teresa Alvajar, a pequena da familia de quen tan pouco se sabía.

"O seu foi un berro forte, cheo de enerxía, con que lembrou as mulleres que compartiran canda ela cadea e defendeu a liberdade nun discurso que rematou cun “Viva Galiza Ceibe!” que estarreceu todo o auditorio"

 

Agora a súa biografía queda á vista e é do dominio público, para que as xeracións que veñen teñan noticia do que tivo que padecer unha muller que apostou pola liberdade e a vida, disposta a rebentar férreas ataduras de xénero e con valentía para defender o dereito a vivir por ela propia. “Toda a familia sufriu a represión mais eu non teño dubida de que quen peor o pasou foi Teresa e a súa nai. A súa vida foi a máis dura, ás consecuencias da represión hai que engadir a vida persoal, que tivo que superar dúas relacións duras cos pais dos seus fillos nun tempo en que as mulleres tiñan que pedir permiso para viviren e para amaren” explica Aurora Marco.

A través das páxinas que escribe e dita Teresa Alvajar (1921) achegámonos a unha biografía que retrata non só os esforzos da familia enteira por sobrevivir senón a súa loita para vencer as férreas normas que impedían ás mulleres decidiren sobre a súa propia vida. “A súa foi unha vida de sortear obstáculos, de facerlles fronte, de os superar; unha vida en que non está ausente a rebeldía. Defendeu, desde a liberdade, a súa vida amorosa máis non tivo sorte neste terreo” afirma Aurora Marco e certo é que estas son dos poucos textos memorialísticos en que a vida privada queda escrita, sen omitir os difíciles avatares da súa biografía.

O libro editado por Aurora Marco, alén dos escritos memorialísticos, recolle unha parte do album fotográfico familiar a través do cal se pode construír a súa historia e diversos documentos de especial intensidade biográfica. “A memoria no texto de María Teresa é acordanza, é nostalxia de tempos idos, é dor, é calafrío ao lembrar os bombardeos, o frío e a fame, é canción, é amor e desamor... É o sentimento de quen tivo que alonxarse das paisaxes físicas e humanas que máis quería para se incorporar a outras terras” explica Aurora Marco, dun libro que a bo seguro Teresa Alvajar recibiu con agarimo na casa de Sevilla en que vive, feliz porque a historia saia de novo á luz na nosa lingua, da cal se tivo que afastar mais nunca esqueceu
.

Comentarios