Oliver Laxe triunfa nos Mestre Mateo con seis galardóns para "O que arde"

A terceira longametraxe de Oliver Laxe, O que arde, venceu na XVIII gala dos premios Mestre Mateo que tivo lugar na noite de onte. Colleitou galardóns en seis das doce categorías nas que optaba a premio, entre elas as de mellor longametrax e mellor dirección. Os premios tamén recoñeceron a dirección de arte de Samuel Lema e Curru Garabal, o traballo na dirección de fotografía de Mauro Herce, na montaxe de Cristóbal Fernández e no son de David Machado, Amanda Villavieja, Sergio Silva e Xavi Souto.
2020030811383399617
photo_camera O cineasta OLiver Laxe conseguiu seis premios na gala de onte, dos doce aos que optaba.

Hierro, a serie de Portocabo, Movistar +, Arte France e Atlantique Productions, obtivo catro galardóns, como mellor serie de televisión, mellor dirección de produción para Ana Míguez, mellor guión para Pepe Coira, Fran Araújo, Araceli Gonda, Coral Cruz e Carlos Portela, e mellor música orixinal para as composicións de Elba Fernández e Xavi Font.


Quen a ferro mata, que partía como favorita con quince candidaturas, quedou con tres:mellor actor de reparto para Xan Cejudo, mellor actriz de reparto para María Vázquez e mellor maquillaxe para Susana Veira e Beatriz Antelo.

Da adaptación para a pantalla grande do éxito teatral da compañía Chévere Eroski-Paraíso foron recoñecidos as súas intérpretes principais Miguel de Lira e Patricia de Lorenzo, nas categorías de actor e actriz protagonista. Dous galardóns obtivo tamén Segredos, desmontando Galiza, o de mellor programa de televisión e mellor realización para Marcos Barrios Carreira.

Manoliño Nguema, producido por Filmika Galaika, gañou o premio ao mellor documental mentres que Antes de perder, de RTVE e Cósmica Producións, alzouse co premio a mellor serie web.

16 de decembro, dirixida por Álvaro Gago, conquistou o de mellor curtametraxe de imaxe real, e "Homomaquia" de David Fidalgo Omil, o de mellor curtametraxe de animación. Santiago cidade de cinema, de Islandia Producións, fixo o propio co de mellor anuncio e "Esquimós" (Heredeiros da Crus), de Xaime Miranda, co premio ao mellor videoclip.

O traballo de María Fandiño en Lobos e Cordeiros alcanzou o premio ao mellor vestiario, mentres que Lucía Regueiro obtivo o premio de mellor comunicadora polo seu traballo en Bamboleo.

Ademais de premiar a excelenci profesional e as producións do ano, a Academia aproveita os Mestre Mateo para recoñecer a traxectoria de profesionais releventes do audiovisual galego co Premio de Honra Fernando Rey, que este ano foi para o proxectista do CGAI- Filmoteca de Galiza, Chema Rodríguez Armada.

Comentarios