O Premio Trasalba cambia de perfil con Cristina Pato

O Premio Trasalba, instituído pola Fundación Otero Pedrayo, leva recoñecendo en trinta edicións longas traxectorias de compromiso coa cultura e o país. Na XXXI dá un xiro no seu perfil e premia a Cristina Pato, nacida en 1980, pola súa proxección internacional. 

Cristina Pato
photo_camera Cristina Pato

Antía Cal, Ramón Lourenzo, Xosé Ramón Barreiro e Xosé Manuel Beiras foron os últimos homenaxeados dunha listaxe que comeza en 1983 con Xaquín Lorenzo, Isidro Parga Pondal, Antón Fraguas, Valentín Paz Andrade, Ramón Martínez López, Francisco Fernández del Riego, Miguel Anxo Araúxo Iglesias, xosé Filgueira Valverde, Lois Tobío Fernández, Xaime Illa Couto ou Isaac Díaz Pardo. Cristina Pato é tamén das poucas mulleres recoñecidas co galardón da casa de Trasalba. Trátase da cuarta despois de Antía Cal, Olga Gallego e Pura Vázquez. 

A Xunta de Goberno da Fundación, salienta ademais dos valores da música “a súa proxección internacional, a súa condición de representante dunha nova xeración de artistas comprometidos coa difusión da nosa cultura polo mundo e a calidade obxectiva da súa actividade artística e profesional”.

Quixeron, con este nomeamento, “incorporar novos rostros, novas linguaxes, novas maneiras de facer, na liña da universalización da nosa cultura, dentro e fóra de nós,  no espírito de “universalidade” que caracterizou aos homes da xeración Nós e, máis concretamente, á mentalidade aberta de Otero Pedrayo”. Definen á música como unha “das nosas primeiras embaixadoras culturais” e destacan a súa posición acadada nos Estados Unidos onde está instalada. Na Galiza, a artista desenvolve o proxecto Galician Connection na Cidade da Cultura.  

O arquiveiro e ensaísta Pablo Sánchez, tamen representante dunha nova xeración, lerá a laudatio da música na Festa Literaria de Trasalba na Casa Grande de Cimadevila o próximo 30 de xuño cando se faga a entrega do premio.  Como aconteceu no caso de Milladoiro -únicos músicos premiados até agora- co libro de lembranzas do premio incorporarase un CD con algunhas composicións da galardoada. 

Comentarios