O PP desmantela a programación cultural da Coruña

A desaparición do Festival de Manicómicos e da Mostra de Ciencia e Cinema son un chanzo máis, mais de grande altura, na desmantelación feita polo PP no goberno municipal da programación cultural da Coruña. Mentres deixan sen gastar 914.000 euros do orzamento cultural aproban un modificativo de 500.000 para festas, denuncia o BNG.

A Mostra de Ciencia e Cinema, organizada pola Asociación de Amigos da Casa das Ciencias chegaría a súa quinta edición como festival de referencia no ámbito do audiovisual científico pero o PP decidiu desmantelalo cando estaba a supor para a cidade un espazo singular para o cinema especializado. A Mostra conseguira que se proxectaran algúns dos filmes contemporáneos máis destacados no ámbito que tiveron a súa estrea estatal na cidade da Coruña, o que significou que o encontro se convertese en cita obrigada para a crítica e o público especializado. Cineastas como Barbara Hammer, Lucien Castaing-Taylor, Ilisa Barbash ou Bill Morrison estiveron na Coruña para presentar os seus traballos.

O PP ponlle chave ao encontro ao tempo que cancela a que sería décimo terceira edición do festival organizado pola asociación cultural Manicómicos, un evento no que máis de trinta espectáculos de artes escénicas se desenvolvían polas rúas da cidade. “Isto logo de cancelar no inverno o Festival que Manicómicos facía no Teatro Rosalía o que pon en grave risco a esta asociación cultural que conta con máis de 70 creadores capaces de crear un espazo de encontro na cidade para a xente das artes escénicas” apunta a concelleira do BNG, Mª Xosé Bravo.

O argumento da crise, esgrimido, máis unha vez, polo PP no goberno municipal, non convence ao grupo nacionalista xa que, segundo denuncian “cando o goberno municipal presentou a liquidación de orzamento do 2011 vemos que lles sobraron ao IMCE 914.000 euros” mentre no pleno pasado se aprobou “unha partida dentro do modificado de 500.000 euros para festas”.

Manicómicos que denuncian

A desaparición destes dous programas de singularidade na actividade cultural municipal da Coruña súmase á eliminación dos concertos na Sala O Túnel, Iberojaz, Forumfolk, Achegarte, Empape e Son de Noite. “Esta cidade ten dereito a gozar coa cultura que facemos: contemporánea, moderna, atractiva, que nos fixo sentir que somos unha potencia, porque este país ten talento” afirmou Mª Xosé Bravo, ex-concelleira de Cultura no anterior goberno municipal que, como lembraba, tivo que aturar que o PP fundamentara a crítica á súa xestión na consideración de que se estaba a facer unha “cultura demasiado galega” cando aspiraban a que “a Coruña fora unha sucursal de Berlín”.

A Asociación Cultural Manicómicos publicou na súa páxina web un manifesto no que acusa á Concellaría de Cultura de se apropiar eliminar o festival que contaba co apoio do público ao tempo que se apropia das súas ideas. “No canto de apoiar á asociación e á súa xa demostrada capacidade organizativa, aprópiase dalgunhas das súas ideas e aprovéitase do traballo de programación realizado, facendo súas, iniciativas orixinalmente presentadas por Manicómicos. É de destacar polo tanto, non só o feito de que se prescinde do traballo da asociación, senón das formas coas que se fai, cunha absoluta falta de respecto cara ás persoas vinculadas á organización do festival.” denuncian no manifesto.

Comentarios