O poeta Modesto Fraga abre libraría en Arteixo


A lus do candil
chámase o novo proxecto literario do poeta Modesto Fraga. O título é ben coñecido e non da súa autoría. O poeta fisterrán tirou do libro de Ánxel Fole para lle dar nome a libraría que abriu canda a súa compañeira Alba en Arteixo.


Nada máis comezar a falar de como un poeta se pon á fronte dunha libraría, a Modesto Fraga veñenlle o s nomes de Manuel María e Saleta Goi diante da Xistral de Monforte. A súa quere continuar na mesma filosofía, na de ser ao tempo lugar de xuntanza e referencia cultural da comarca.

En A lus do candil Fraga conta convocar a todas as moitas amizades que ten no mundo literario. Presentacións de libros, recitais e mesas redondas formarán parte dun programa no que a literatura galega será protagonista. Convidados a teren os seus encontros na sala de lectura da libraría están xa os clubes do concello, encantados con contaren cun novo espazo para compartir libros.

A libraría que abre en Arteixo é xenerosa en espazo, co cal Modesto e Alba poden incluír outro tipo de propostas culturais que precisan aire para respiraren. Deste xeito a exposición de pintura de Nolo Suárez ou a cerámica de Nacho Porto coincidiron na inauguración cunha festa cultural composta por outras propostas menos matéricas como a poesía e a música. O cartel da inauguración o pasado venres dá medida do poder de convocatoria de Alba e Modesto. Miro Villar, Lucía Novás, Félix de Sapoconcho ou Rivadulla Corcón leron os seus versos diante do poeta de Fisterra que, desta volta, actuaba como anfitrión e preferiu non partillar do recital colectivo. Sés era a convidada para a música pero a súa amiga Alba Rozas quíxolle dar unha sorpresa e apareceu co seu tambor e trouxo tamén a seu pai e súa gaita para completar o programa.

Saben Modesto e Alba que os tempos non son fáciles para o comercio nin para os libros pero teñen un improvisado estudo de mercado que os anima a tirar para adiante e confiar en que o seu proxecto ten que ir ben. “É a única libraría que hai en Arteixo, un concello con 36.000 habitantes e 14.000 rapaces e rapazas nos centros de ensino. Eu creo que pode tirar para adiante” agarda un entusiasmado Modesto Fraga aínda conmovido pola cantidade de xente que se achegou á apartura do establecemento en Arteixo.


Faros


Modesto Fraga non participou no primeiro recital poético pero é posíbel que en breve presente un novo libro no seu propio establecemento. Hai apenas dous meses o seu libro Alba de luz gañou o premio do Seminario de Estudos Comarcais para un libro poético con temática de faros. Fraga, natural de Fisterra, confesa que non lle resultou difícil se apresentar ao concurso. “A temática mariñeira éme moi próxima e a Costa da Morte o meu ámbito literario así que o que desenvolvín foi un conxunto de poemas dedicados a cada un dos seus faros” comenta.

Comentarios