O Play-Doc bota a andar en Tui cunha película sobre os Beatles

Coa presenza do cineasta Albet Maysles e a inauguración co seu documental arredor dos Beatles bota a andar a novena edición do Play-Doc, o festival de documentais que cada ano centra a atención do mundo do audiovisual en Tui.
Rodaxe de Arraianos
photo_camera Rodaxe de Arraianos

Nesta edición, o filme Arraianos de Eloy Enciso é un dos cinco que foron seleccionados para a sección oficial, xunto con documentais de China, Bulgaria ou os EUA. Un xurado internacional decidirá cal é o mellor documental do ano,para recibir un recoñecemento que nas dúas últimas edicións recaeu en filmes galegos, Todos vós sodes capitáns de Oliver Laxe e Vikingland de Xurxo Chirro.

Play.Doc dedícalle un ciclo á orbra dos irmáns Maysles, figuras centrais no documental moderno que elaboraron unha obra arredor dos referentes da cultura americana como Truman Capote, a familia Kennedy, os Beatles ou Rolling Stones. Albert Maysles, pioneiro do cine en directo xunto co seu irmán David morto en 1987, visitará o Play-Doc na primeira xornada desta nova edición.

A proxección de What´s Happening! The Beatles in the USA coa presenza do seu autor Albert Maysles inaugurará un Play-Doc que contará coa presenza de autores e especialistas en distintas seccións que contan coa aplauso do público.Lois Patiño, Pablo Cayuela e Xan Gómez serán o encargados de abrir unha sección de títulos galegos destacables que visitaron xa outros festivais internacionais e que o domingo analizará na súa intervención Manolo González, historiador do cine que estivera á fronte da Axencia Galega do Audiovisual no goberno bipartito cando se botaran a andar as anovadoras axudas aos novos talentos.

O programa do festival inclúe asimesmo o obradoiro “O retrato filmado” dirixido por Marta Andreu e recupera a obra do cubano Nicolás Guillén Landrián.

Comentarios