O outro cinema gaña espazo

Novas salas de cinema están a habilitar un circuíto para filmes alternativos, independentes ou á marxe en Galiza. A transformación dos hábitos dos espectadores e o acceso a outras maneiras de filmar contribúen a certo auxe das proxeccións máis alá de Hollywood. Eis un extracto da reportaxe publicada no número 335 de Sermos Galiza.

fotograma Trinta Lumes 2
photo_camera [Imaxe: Fotograma de Trinta Lumes]

5Trinta Lumes é o filme co que a cineasta Diana Toucedo (Redondela, 1982) se achegou demoradamente ao mundo do Courel. Documental e ficción, ningunha ferramenta narrativa é allea a unha obra que transita á marxe das definicións consensuais de película. Non hai tantos anos, Trinta Lumes apenas tería oco na carteleira. E, porén, desde a súa estrea o pasado 8 de febreiro, é o filme que máis espectadores acadou na historia do Códex Cinema, en Lugo. “Enche todas as sesións”, explica a Sermos Galiza o programador da sala, Miguel Blanco sobre unha fita que, ao seu ver, “amosa a beleza e as necesidades do rural, e a xente mírase nel con orgullo”.

Códex Cinema abriu as portas o 6 de decembro. Iniciativa do empresario Eloi Caldeiro, as súas instalacións ocupan o lugar dos antigos Multicines Yelmo. Dous espazos de proxección, un de 70 e outro de 140 butacas, dedicados a “cinema europeo, de autor, independente, en versión orixinal subtitulada” conforman fisicamente a proposta. O Códex é a última das iniciativas xurdidas na Galiza destinadas a ver colectivamente as cinematografías máis alá de Hollywood.

“A idea naceu un pouco da frustración”, sinala Blanco, “como cinéfilo, non tiña a posibilidade de acceder a este tipo de filmes. E coma min, unha minoría de lucenses para a que é moi importante”. A ditadura das chamadas majors -produtoras e distribuidoras multinacionais con orixe nos Estados Unidos- fíxose practicamente absoluta a comezos de século. A ela seguiu un período, relacionado coas directivas europeas que obrigaron á dixitalización das salas, de peches de cinemas. Mais, explica Blanco, “todas as revolucións teñen a súa parte boa e a súa parte mala. Perdeuse a calidez do celuloide, pero facilitouse a distribución e abaratáronse as copias”.

Godard en Galiza

O exemplo definitivo é o novo filme de Jean-Luc Godard, O libro de imaxes. A obra leva ao extremo as estratexias estéticas últimas do director francés -coa ferramenta colaxe realiza unha reflexión abstracta sobre a civilización do espectáculo-. Estrearase na Galiza o 22 de febreiro con tres copias. “Algo así antes de haber copias en dixital era imposíbel”, indica Blanco, quen lembra a inspiración do proxecto Códex: “Numax, en Compostela, son exemplo en todo”. 

A sala compostelá, que fai parte dunha cooperativa con libraría e laboratorio de vídeo, será outro dos cinemas que acollerá a estrea de O libro de imaxes. Xan Gómez Viñas, un dos cooperativistas, enmarca o certo auxe do espazo para outras olladas cinematográficas no “xurdimento dalgunhas salas a nivel estatal”, sobre todo en Catalunya. “Serviu para comprobar que esoutros cinemas tamén tiñan un público”, di, “e abriu un camiño que logo transitaron outro tipo de negocios relacionados coa exhibición”. Refírese a algunhas multisalas, propiedade de multinacionais ou grandes empresas, que nos últimos tempos habilitaron proxeccións en versión orixinal ou do denominado cinema de autor.

[Podes ler a reportaxe íntegra no número 335 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]
 

Comentarios