Coa intervención “Cartografía do novo cine galego: referentes e realidade actual”, o crítico e estudoso do noso cinema Martin Pawley dará inicio ao seminario que levará a Bilbao algunhas das máis destacadas producións da nova xeración de cineastas do país. A seguir, o ciclo de proxeccións iniciarase co espazo dedicado aos cortos de Lois Patiño, coa presenza do director. Proxectaranse as curtametraxes do realizador, incluída a máis recente "Montaña en sombra".
Xa o martes, a proxección de “Anacos” de Xacio Baños, un dos títulos máis premiados, continuará unha mostra que leva a Bilbao algúns dos máis destacados filmes de produción galega, películas que non pasan polas carteleiras comerciais mais que teñen os seus circuítos en festivais internacionais nos que están a colleitar un importante recoñecemento para o novo cinema galego.”Anacos” acadou, entre outros, o premio Carabela de Plata ao mellor filme no concurso de curtametraxes do Festival Internacional de Cine de Cartagena, o especial de xurado no Festival de Cine Español de Málaga, a mención especial do Xurado do Festival Internacional das Palmas e o de mellor guión no Curtocircuíto de Compostela. Seguirá "Piedad" de Otto Roca para concluír a xornada coa proxección de “Vikingland”, o sorprendente filme de Xurxo Chirro, un documentario creado sobre o material audiovisual gravado por un mariñeiro nunha travesía no norte de Europa que visitou xa numerosos festivais e gañou o Play-doc en 2012. O director, Xurxo Chirro, participará tamén no ciclo nun debate arredor da súa filmografía.
O último día de programa de "Novo cinema galego" -co título na nosa lingua- ofrecerá “La Brecha” de Marcos Nine e a nova longometraxe da directora Margarita Ledo, “A cicatriz branca”, que busca a historia das mulleres emigrantes que chegaron á Arxentina por volta dos anos vinte e trinta, completa o programa. Protagonizada pola poeta Eva Veiga e con Xabier Deive, Lino Braxe, Tamar Novas, Margarita Fernández ou Mónica Camaño no equipo artístico, a película está guionizada pola propia Margarita Ledo. Abe Rábade é o autor da banda sonora.