O mundo da cultura reacciona após a demisión de Ferrín

Ferrín non só demite como presidente, senón que bate na mesa ao deixar o seu posto de numerario na Academia. Contratación de familiares, guerra interna polo control, presións políticas polo recurso contra o decreto da lingua... a demisión de Ferrín tira á luz un enfrontamento interno que dá apaiencia de poliédrico. Henrique Monteagudo, Manuel Bragado, Pilar García Negro, Cesáreo Sánchez e Carlos Callón opinan sobre a situación.

A demisión de Xosé Luís Méndez Ferrín vén de axitar o mundo cultural. A súa carta de renuncia deixa ver ás claras un enfrontamento directo que non oculta ao se dirixir a aqueles e aquelas académicas que querían velo fóra. A entrevista do secretario, Xosé Luís Axeitos, en La Voz de Galicia afondaba aínda máis na idea do enfrontamento, habida conta que acusa directamente o Consello da Cultura Galega e o Instituto da Lingua Galega de presionar á Academia co fin de que retire o recurso apresentado contra o Decreto do bilingüísmo da Xunta.


Carlos Callón: “CCG e ILG teñen que dar explicacións”

O presidente da Mesa pola Normalización Lingüïstica, Carlos Callón, agarda que o que “está a acontecer sirva de revulsivo para termos unha Academia máis plural, forte, transparente e comprometida co galego. Agora CCG e ILG teñen moito que dicer, xa que o secretario fixo acusacións de seren correas de transmisión do PP presionando para retirar o recurso apresentado pola Academia. Desde a Mesa pedimos que se aclare ou se non tamén tería que haber demisións tanto nunha como noutra institución”.


Henrique Monteagudo: “Responder atacando é mal estilo. O que se precisaba era unha aclaración”

Académico, mais tamén membro do ILG e CCG, Henrique Monteagudo móstrase sorprendido pola, ao seu ver, “inesperada” demisión do presidente da Academia. “Unha pena tanto para a Academia como para o propio Ferrín por poñer fin de maneira tan brusca e cunha acusación a certos membros da Academia. O tema das contratacións merecía unha explicación pública, mais non a demisión. Tería gostado de que rematase o seu mandato”, explica Monteagudo que, alén disto, cualifica de “desafortunadas” as declaracións do secretario Axeitos. “Cando nunha institución se piden explicacións hai que dalas, non argumentar cunha conxura. Responder atacando é moi mal estilo. Hai que exercer e responder pola responsabilidade institucional de cada quen”, afirma Henrique Monteagudo. Aclara que non está en ningunha das directivas das tres institucións e nega coñecer ningunha presión sobre a Academia.

Manuel Bragado: “Ferrín é un diamante moral e demite desde unha posición patriótica”

Editor e presidente da Asociación Galega de Editores, Manuel Bragado compartiu con Ferrín o tempo de agarda até que comezaran os actos do Día de Rosalía en Padrón. Nen por iso intuía o que ía acontecer hoxe. Admiración, respecto e recoñecemento por Ferrín é o que evidencian as súas palabras. “A súa demisión merece gratitude e admiración e faise, sen dúbida, desde unha posición moral e patriótica”, comeza. “Ferrín é un diamante moral e agora cómpre seguir construíndo o proceso que el desenvolveu. No seu mandato, a Academia defendeu a súa oposición con respecto ao decreto do bilingüísmo, elexiuse a Lois Pereiro para o Día das Letra, co que iso significou, a institución entrou nas redes sociais, conmemorouse o aniversario da Academia e un sinfín de feitos máis relevantes para a institución”, destaca facendo un rápido balanzo da súa xestión. ”Galiza precisa de grandes acordos porque vivimos momentos difíciles para a construción nacional e ás veces idénticas vontades non conlevan estratexias comúns”, comenta, sen lle quedar dúbida de que Ferrín será “unha das persoas máis destacadas na historia da Academia, daquelas que traballan máis para o futuro que para o mañá”.

Pilar García Negro: “A demisión é produto dunha loita interna”

Profesora da Facultade de Filoloxía na Universidade da Coruña, Pilar García Negro lembra na conversa dous artigos da súa autoría que daban conta da súa opinión sobre a Academia. “Un titulábase Unha Academia real e nel defendía que a academia tiña que funcionar ao servizo da sociedade e noutro de Terra e Tempo afirmaba que, tal e como era a situación, a Academia debía integrar as súas siglas coas da USC, ILG e CCG. A Academia non pode ser un bis das outras institucións”, comenta a profesora García Negro, chamando a atención tamén sobre como as concesión de cadeiras escoraron cara á especialistas en lingua da Universidade de Santiago. “A demisión é produto dunha loita interna e o que é desexábel é que a Academia non se converta noutro holding de monopolio e do control dos orzamentos públicos destinados á lingua e á cultura galega”, sinala, para interpretar a demisión de Ferrín.

Cesáreo Sánchez Iglesias: “Que se manteña firme na defensa do ensino en galego como se fixo nesta etapa”

O presidente da Asociación de Escritores en Lingua Galega, Cesáreo Sánchez Iglesias, lamenta a demisión de Ferrín, escritor que a entidade que preside propuxo para as candidaturas ao Nóbel desde hai 17 anos. “Pola súa obra e firmeza na defensa do idioma galego e que se concretou presdindo unha Academia que tramitou o recurso a un Decreto que contiña medidas agresivas para o noso idioma e a súa planificación educativa”, sinala para, a continuación, facer un chamamento “á responsabilidade dos académicos para que a institución á que teñen a honra de pertencer non sexa instrumento de intereses alleos á nosa cultura e ao noso idioma, que nada teñen que ver co fin para o que foi creada a Academia no seu día. E facemos un chamamento a que se manteñan firmes na defensa do ensino en galego e ao noso idioma como se fixo nesta última etapa. Sería lamentábel que se apartara, como fixo no pasado, dos seus labores fundacionais”.

Comentarios