Patrimonio

O mosteiro de Oia, en perigo

O mosteiro de Santa María de Oia eríxese na beira do Atlántico. Declarado Ben de Interese Cultural, sofre importantes deterioracións que deron pé á creación da plataforma SOS Mosteiro de Oia. Desde abril, o propietario non permite as visitas alegando ao seu estado de conservación. Proxéctanse sobre o inmoble un hotel, un centro de talasoterapia e un grupo de vivendas. Un “pelotazo urbanístico”, en palabras do colectivo, nun mosteiro que tamén foi campo de concentración. Escribimos sobre el no Sermos Galiza 268. Eis un extracto.

IMG_1793 (1)
photo_camera [Imaxe: SG] Mosteiro de Oia

Após a desamortización de Mendizábal, o Estado fai unha poxa pública do mosteiro en lotes e a igrexa pasa a ser parroquial. O século XX supón un constante cambio de mans até 2004, ano en que o complexo recae no seu actual propietario, a navieira Vasco Gallega y Consignaciones –con anos de actividade no sector do transporte e na distribución de mercadorías–, tras comprarllo en 2004 por 2,4 millóns de euros ao Banco Pastor –entidade que, co visto e prace do Goberno de Manuel Fraga no ano 2000, proxectara un hotel de 5 estrelas e un centro termal no mosteiro–. Pasados 13 anos, Vasco Gallega y Consignaciones, creada polo empresario Juan Martínez, mudou de nome a Kaleido Ideas & Logistics, mais o mosteiro, lonxe de evolucionar, sufriu unha deterioración palpábel.

1En 2005, tan só un ano logo da súa compra, créase Residencial Monasterio de Oia, S.A., promotora do proxecto hoteleiro, residencial e turístico impulsado por Juan Martínez. A entidade asegura que o principal obxectivo pasa pola restauración, rehabilitación e posta en valor do conxunto monacal e da súa contorna. “Formúlase a instalación dun complexo hostaleiro composto por un hotel de 4 estrelas cunha capacidade aproximada de 72 cuartos e mil metros cadrados de salóns para celebracións e eventos localizados no cenobio”, afirma a empresa, “recóllese tamén a construción de “150 prazas de aparcadoiro exteriores para uso de visitantes e clientes”. Aparellado a este proxecto, prevese instalar un centro de talasoterapia “e a posibilidade de desenvolver nos terreos do ámbito de actuación unha serie de edificacións de uso hoteleiro e/ou residencial cuxa tipoloxía e desenvolvemento terán relación coa trama do lugar. A intención é ser un elemento que a complete e non un elemento que agreda”. O proxecto leva tramitándose desde entón con non poucos enfrontamentos entre a promotora e o Concello.

[Podes ler a reportaxe íntegra no número 268 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques habituais]

Comentarios