O mito de Rosalía

No capítulo IV da Historia da Literatura Galega presenta Carvalho Calero un amplo estudo sobre a personalidade e a obra en galego, con referencias ben interesantes e significativas á obra en español, de Rosalía de Castro. É a primeira análise feita con método apropiado, coñecemento total da súa obra e do contexto histórico, sen os estereotipos e os prexuízos acugulados sobre ela. Desde entón, no longo camiño para a valoración de Rosalía e a súa obra na súa real orientación e sentido, case todos os avances partiron desta contribución, afondaron en aspectos nela sinalados ou percorreron pistas nela marcadas como indiciarias. O texto que vai a seguir foi publicado orixinalmente en La Voz de Galicia, domingo, 21 de xaneiro de 1973 e recollido posteriormente no volume Estudos Rosalianos, Galaxia, 1979. En 2013, dentro da celebración do 150 aniversario de Cantares Gallegos promovida pola sociedade cultural Medulio, foi publicado por Sermos Galiza. Recuperamos hoxe o mito de Rosalía
[Imaxe: RAG] Carvalho Calero, en 1957
photo_camera [Imaxe: RAG] Carvalho Calero, en 1957

Nun país como o noso, no que a vida intelectual significa tan pouco fóra do círculo dos pensadores profesionais, os tópicos, as modas, a fraseoloxía dos nosos tempos, que, por suposto, nacen e inzan como resultado de causas profundas —seméllennos dignas de aprobación ou de condenación—, soen instalarse nos costumes, nas mentes, nos beizos da xente en forma de versións simplistas, apresuradas e facilitonas. O que xa é de por si mostrenco, adquire deste xeito unha fasquía vulgar, cáxeque caricaturesca, como consecuencia da imposibilidade da madura asimilación do novo alimento cultural polos que, dunha banda, queren estar ao día, porque ao día viven, e, de outra, non poden ou non queren dispor de tempo para dixerir os produtos do día —do día cultural—, xa que en realidade non hai para eles outra actividade seria que a actividade enxebremente biolóxica.

A nova burguesía —que estende os seus tentáculos por ondequeira, a dereita e a esquerda, pois é a clase epónima desde hai tempo— e os seus rapsodas, os seus apoderados, os seus gurgullos e os seus zumezugas, ten incorporado á súa fala —cada vez menos auténtica— a palabra desmitificación. A poderosa corrente que botou á circulación o conceito, estaba, desde logo, historicamente xustificada. No mundo novo, do que os primeiros vaxidos foron alumeados polos luciferinos resplandores de Hiroroshima e Nagasaki, cumpría limpar a atmosfera de mitos caducados ou podrecidos. Mais agora chouta a verba na pena e na boca dos satisfeitos beneficiarios do horrendo sacrificio. E como hai que falar á moda, aínda perdida a significación con que naceu a mesma, por todas partes nos salpica, como surtida dun hisope esconxurador, a palabra desmitificación.

Dise que os galegos somos laións. Non nos compre laiarnos, en todo caso, de que non se lle fixera xustiza a Rosalía. En Galiza, en España, en Europa, en América, hoxe Rosalía está de moda. En galego, en castelán, en francés, en italiano, en inglés, en alemán escríbese sobre Rosalía. Mesmo teses doutorais. Mais algúns destes escritos —e antre eles os que nos interesan agora son os redactados nos dous idiomas citados en primeiro termo—, desexando sen dúbida os seus autores non ser desdeñosamente xulgados como trasnoitados e retrógados, teñen caído no mito da desmitificación.

Témome que haxa aquí un trabucamento, causado por unha escorregadura semántica. Os mitificadores de Rosalía serían uns furibundos nacionalistas, ou uns místicos heterodoxos, ou uns románticos histéricos, ou se cadra uns doentes afectados dun complexo de Edipo, ou máis ben uns asalariados do sistema, que propugnan o culto de Nosa Señora da Saudade como opio do pobo que noutrora se ergueu contra a nobreza e, dirixido por algúns nobres, esborrallou os castelos que despois tiveron de ser reconstruídos polos mesmos esborralladores.

A  Rosalía hai que desmitificala. De primeiras, hai que subliñar a súa obra en castelán, que é moito máis volumosa que a galega. Se podemos demostrar que a súa vida amorosa foi turbulenta, tanto mellor; pero se non podemos, sempre caben hipóteses fundadas nos seus poemas, aínda que estes refiran acontecimentos sentimentais de personaxes creados pola autora, e distintos dela, polo tanto. Analogamente, podemos probar que Rosalía foi potencialmente suicida e homicida. A santurronaría rosaliana, é decir, a santurronaría dos rosaliáns, forxou da poetisa unha imaxe idílica, ou nacionalista, ou existencialista, que debe ser substituída por outra na que predominen as notas... que se conformen máis coa ideoloxía do opinante. Así, a desmitificación pode desembocar nun contramito, que sería un mito tamén.

Por favor, non crean vostedes que existe o propósito de canonizar Rosalía, como se pensou en canonizar Rodrigo Díaz, Cristóbal Colón e Isabel de Trastámara. Hoxe dispomos de serios traballos biográficos e críticos nos que se poñen en claro moitos puntos da vida persoal e literaria da nosa cantora. Que algunha señora, ou algún señor, rechouchíe liricamente de cando en vez en honor da nosa Musa, como outros o fan en honor de Ho Chi Minh ou Ernesto Guevara, é algo completamente normal. As figuras destacadas dos nosos herois moven o entusiasmo e a pena dos poetas e os prosistas desde os tempos de Alceo. Pero isto non exclui o rigoroso estudo científico, que aspira só a desvelar a verdade.

Agora ben: un mito é tamén unha realidade, e hai que rexistrala. A crítica literaria ou a historia ou a ciencia da literatura non poden falsear a verdade. Mais a antropoloxía, ou a etnografía, ou a mitoloxía poden rexistrar os mitos, deben rexistrar os mitos. E os mitos, os verdadeiros mitos, son un ben cultural colectivo. Asistimos decote á formación de mitos, á mitificación de figuras históricas. Hai personalidades que realizan —aínda que imperfeitamente, con máis proximidade ao arquetipo que os seus émulos— un ideal humano. O pobo necesita exemplares que personifiquen ese ideal, porque o ideal é luz que alumea as súas tebras, e a idea desencarnada é inasimilábel polo home da rúa e todos, nun aspecto ou noutro, somos homes da rúa. Así, o pobo acentúa certos rasgos, desfigura outros dos que maxina os seus herois, proxecta sobre eles os seus soños, e veleiquí un mito. Quero decir, un home, ou unha muller, mitificados.

Quéirase ou non, o pobo galego mitificou Rosalía, fíxoa símbolo da alma colectiva, rendeulle un culto espontáneo. E isto non é, naturalmente, arbitrario. Cando subliñamos a hipostatización de Galiza en Rosalía, sinalamos simplemente un feito. Un feito que pode ser estudado cientificamente, porque a mitoloxía é unha ciencia

Comentarios