O legado de Man esmorece dez anos despois

A morte de Man, o alemán de Camelle, bateu en todas as conciencias no momento álxido da invasión do chapapote na Costa da Morte. A lenda convertíase en símbolo da desolación diante do atentado do Prestige. Acubillada coa enerxía de entón, naceu a idea de protexer e difundir a súa obra a través dunha fundación creada anos despois. Cando se cumpre unha década da súa morte, o abandono é o que mellor define o estado do museo que el creara ao ar libre.

 
Imaxe de Man por Manuel Posse
photo_camera Imaxe de Man por Manuel Posse

Manfred Gnädinger morreu o 28 de decembro de 2002. O Prestige levaba xa máis dun mes botando chapapote e a súa obra en pedra, labrada á beira do mar, sufría a destrución do mesmo xeito que tantas praias da costa. Quen o coñeceu di que Man se deixou morrer de pena, ao ver a destrución do lugar que escollera para vivir corenta anos antes, cando sorprendeu na parroquia de Camelle ao se instalar á beira do porto e crear o seu particular museo.

A enerxía que venceu a marea negra do Prestige prometía tamén protexer a obra de Man, como legado do artista alemán convertido en símbolo dun tempo tan intenso. Dez anos despois, a casa de Manfred e as obras expostas esmorecen baixo o abandono e no horizonte non se albisca ningunha iniciativa para conmemorar o décimo aniversario da súa morte.

Camelle acollera con sorpresa a presenza de Man, aquela particular figura que sorteaba o frío e a calor co corpo case espido e o seu longo cabelo. Agora, a veciñanza reclama a súa memoria e cústalle entender o abandono dun patrimonio que é de tod@s @s veciñ@s de Camelle. “Fariamos algo, se soubésemos o que. Camelle coñécese grazas a Man. Por aquí pasan milleiros de persoas para ver a súa obra e a súa casa e a nós dános vergoña que comproben o estado en que se atopa”, comenta Digna Román, presidenta da asociación de veciñ@s e vogal da Fundación Man, entidade á cal non se lle comunicou polo de agora intención ningunha por parte do concello de activar a restauración do legado nin organizar algún acto para o décimo aniversario. Xuntáronse a comezos de xuño, despois de solicitar a representación veciñal a reunión cando menos en seis ocasións, mais mesmo así non obtiveron información cando foi convocada. “Perdeuse moito, tanto na casa como na obra. Houbo desidia política por parte de todas as institucións”, comenta Digna ao tempo que lembra que o pasado ano, cando se conmemorou o noveno aniversario, plásticos negros cubriron a casa de Man en sinal de protesta polo abandono. Un ano despois, ningunha actuación cambiou o seu estado de destrución incrementado polo último temporal.

“A súa obra destruíuse, o museo tamén e non se ve ningún sinal de que isto cambie. Man legou todo ao estado, mesmo 120.000 €, cartos que poderían restaurar este patrimonio de Camelle”, comenta Manuel Posse, veciño da parroquia e autor das imaxes desta páxina. Manuel Posse coñeceu e tratou a Manfred e sentiuse fascinado pola singularidade da súa obra. “Era unha persoa moi instruída e culta; ademais da pedra, tiña obra pictórica e fotográfica” comenta Posse, despois de evocar aqueles días en que Man deixou de tomar a súa medicación para se achegar á morte.

“Era radicalmente coherente cos seus principios anticapitalistas. Vivía co mínimo. Tiña unha relación consanguínea coa súa obra, dicía que eran os seus fillos. Mesmo niso foi consecuente. Ao ver o chapapote destruíndo a súa obra deixouse morrer” comenta o escritor Xoán Abeleira, autor do libro A pegada de Man, onde se achega á obra do alemán de Camelle.

Reconstruír o museo e reivindicar a súa obra, esta é a demanda da veciñanza e tamén de moitas persoas especialistas que cada ano se achegan a buscar a pegada de Man. “A súa obra ben podería estar nalgún dos máis importantes museos do mundo e, en cambio, asistimos a súa destrución en Camelle. Estamos diante dun tesouro artístico así valorado por moitos especialistas e dun artista, ao meu ver, dunha coherencia única que merece un futuro para a súa obra”, denuncia Abeleira.

Comentarios