O instituto público que avalou Díaz Castro

O instituto Poeta Díaz Castro ten 220 alumn@s. Do claustro forma parte Alfonso Blanco, a persoa que máis coñecemento ten do escritor. Canda a directora, Olga Aguiar, levan anos animando para que a Academia lle dedicase o Día das Letras ao escritor de Guitiriz. Agora conseguírono e o instituto estivo de festa. 

Presentación da proposta na Academia
photo_camera Presentación da proposta na Academia

Despois dunha homenaxe que a Díaz Castro se lle fixo en Guitiriz, a grande pancarta na que se podía ler “Penélope” foi dar á fachada do instituto publico da localidade. Aí quedou tempo pendurada, no centro onde latexaba o ánimo para que o escritor que naceu no concello e pasou tamén alí os últimos anos da súa vida fose protagonista dun Día das Letras Galegas. 

Só hai sete anos que o centro leva o nome do poeta. Antes era, simplemente, instituto de Guitiriz mais o empeño de Alfonso Blanco, profesor do claustro e alma da asociación Xermolos, conseguiu que finalmente adoptase o nome do autor de Nimbos. En Guitiriz non moita xente sabía do poeta. Os máis vellos tiñan lembranza do fillo do escribano de Trasparga. As persoas máis novas que pasaban polas aulas sentían o nome de maneira académica. Nas idades medianeiras, dicir Díaz Castro non levaba case nunca a parte algunha. 

Dos que gardan memoria do escritor morto hai pouco máis de vinte anos en Guitiriz relaciónano co profesor e presidente de Xermolos Alfonso Blanco. Con el paseaba os seus últimos tempos e o amigo desenvolvería desde a súa morte o labor de engrandecer a súa memoria, non só polo valor da súa obra senón tamén como viciño de Guitiriz. 

Os cadernos de linguas

No centro de ensino aínda boa parte do profesorado lembra a grande exposición que se lle dedicou en 2007 e, en especial, aqueles cadernos manuscritos con vocabulario en moitos dos catorce idiomas que manexaba. “Só ver aqueles cadernos xa era didáctico, daba idea da singularidade do autor, desde entón, no centro intensificouse o traballo por apoiar a súa proposta, en especial de cara ao próximo ano que é o aniversario” comenta Olga Aguiar, profesora de Filosofía e directora do Centro, que foi á cabeza do grupo que, poucos días antes do plenario levou á Academia a iniciativa oficial do centro para o Día das Letras Galegas. 

Á RAG chegan cada ano moitas propostas mais poucas terán nos seus promotores persoas de tan pouca idade. Cando o instituto Poeta Díaz Castro se reúne co presidente da Academia no edificio da Rúa Tabernas leva canda si un material precioso, o audiovisual de 15 minutos titulado “A lus do mundo. Redescubrindo ao Poeta Díaz Castro” que implicou boa parte do centro, entre a equipa, á propia directora que pasou a se responsabilizar da produción. Como sabían que entre as mans tiñan un material precioso, botaron man da especialista Cristina de la Torre -de "Pasen y vean"- que dirixiu o pro

xecto e animou á comunidade educativa para acadar un produto profesional, non só para levar á Academia senón para presentar o seu poeta por toda parte. “Implicáronse moito e defenderon ao seu poeta e tamén compre destacar o compromiso do profesorado porque sen el non sería posíbel desenvolver unha iniciativa como esta” recorda Olga Aguiar. Contan tamén coa enerxía da poeta Marica Campo que, até hai ben pouco, impartiu aulas no centro e partilla aínda das súas actividades. 

En Guitiriz, no seu centro público, o conxunto do alumnado toca instrumentos e iso apréciase no vídeo, no que as composicións son propias da profesora de música mais tamén de alumnado. Sandra Tenreiro sae en repetidas ocasións na conversa coa directora Olga Aguiar que recoñece o seu empeño en contaxiar a súa paixón pola música, tamén a través da obra do propio poeta. No IES teñen musicado varias composicións de Díaz Castro que pode cantar a mocidade, mesmo a ritmo de rap. 

Contas para o ano que ven

Nestas alturas nas que xuño se despide, Olga Aguiar ten sobre a súa mesa as contas do curso. Está a pechar o exercizo e facer números de cara o ano que se aveciña.   

“Para facer o audiovisual tivemos que facer grandes esforzos e temos que ver como amañamos de cara ao curso que vén”, di. Na súa idea está que desde o IES Poeta Díaz Castro saian materiais didácticos para presentar ao que foi viciño. 

Desde que chegou a Guitiriz, Olga Aguiar foise facendo coa figura de Díaz Castro que é para ela xa familiar. Non lle costa comezar a dar datos, tanto da súa biografía como do recoñecemento que, nestes últimos tempos, foi acadando no concello a través da enerxía que nacía no instituto e tamén na Asociación Xermolos. “O Concello fixera unha edición especial de Nimbos e na entrada hai un monumento que lembra que era de aquí”, di, como iniciativas que foron contribuíndo a que a memoria de Díaz Castro, o acompañante de Alfonso Blanco, comezara a ser recoñecido polos viciños. 

En maio remataron o audiovisual que levaron a Academia. Nos últimos tempos andaron a fume de carozo, con temor de non chegar a tempo. O ano tiña un especial relevo. Sabían que o centenario podía sumar puntos para que o seu poeta, desta volta, conseguise o obxectivo. As redes sociais foron fundamentais á hora de “mover” o documental que, dalgunha maneira é de todos os ámbitos do centro público. “Desde o profesorado que se esforzou e se implicou no proxecto, ata o alumnado, pasando pola responsable da cafetería que lle daba bocadillos cando estaban coa produción do audiovisual. Todo o claustro participou e, de maneira especial, podo dicir que non se tería feito se non houbes eun equipo de biblioteca como o que temos” comenta Olga Aguiar ao tempo que lamenta que cada vez sexa máis difícil desenvolver proxectos fóra dos puramente académicos debido ao importante recorte presupostario. “Todo o alumnado sabe quen é e mesmo canta poemas de Díaz Castro e, dalgunha maneira, isto entendémolo como un éxito de toda a comunidade educativa” conclúe Olga, preparada xa para o importante curso que se aveciña. 

 

Comentarios