O Galo convida a pasear polos espazos de Rosalía en Compostela

A Compostela histórica poderíase percorrer case na súa totalidade a través da figura de Rosalia de Castro. A Agrupación Cultural O Galo partirá da Praza de Vigo o sábado 23 ás 17:00 para se atopar coa súa memoria.
Rosalía por Maside
photo_camera Rosalía por Maside

Ao pé do monumento na súa lembranza e ben perto de onde todo indica que naceu. Na Praza de Vigo comezará o sábado 23 ás 17:00 o roteiro a través da Compostela da autora de "Cantares Gallegos" co que a Agrupación Cultural O Galo quere conmemorar o Día de Rosalía.

A profesora de lingua e literatura Mercedes Espiño será a que que guiará o paseo polos lugares que tiveron relevancia na súa biografía, a rúa onde naceu, os espazos que transitou e viviu e os centros relacionados coa súa memoria. Unha ducia de espazos na cidade servirán para apresentar a relación da escritora con Compostela, tanto por medio de episodios da súa vida como de fragmentos da súa obra. En cada punto serán lidos poemas de Rosalía na víspera do día no que se conmemora o seu nacemento nunha cidade á que tamén foron trasladados os seus restos, sepultados no Panteón de Bonaval.

Comentarios