O 'Galeusca' do libro infantil e xuvenil será en outubro en Pontevedra

En Pontevedra, na cidade onde se está a desenvolver o Salón do Libro Infantil e Xuvenil, é onde se xuntarán en outubro representantes das literaturas vasca, catalana e galega na nova edición do Galeusca, desta volva dedicado á escrita para o público máis novo.
Presidentes das tres asociacións
photo_camera Presidentes das tres asociacións

Na última semana de outubro, a cidade de Pontevedra acollerá unha nova edición do Galeusca, o encontro das literaturas galegas, catalana e vasca que cada ano organiza a Federación Galeusca de maneira rotatoria entre as tres nacións. Desta volta, a literatura galega é a anfitriona e a cidade de Pontevedra o espazo escollido para un encontro que se presentou no marco do Salón do Libro Infantil e Xuvenil, ámbito especialmente acaído para dar a coñecer unha edición que se centrará na literatura para a xente máis nova.

O presidente da Asociación de Escritores en Lingua Galega mostrou o seu contento por ser Galiza quen acolla o encontro da Federación Galeusca dedicaco á literatura infantil e xuvenil xa que, ao seu ver, é a nosa escrita a que goza de mellor saúde e máis recoñecemento no ámbito. De igual maneira, felicitouse de ser Pontevedra a sede deste congreso, unha cidade, ao seu ver “que abraza, da que nos podemos gabar, tanto polo seu urbanismo como pola súa vida cultural”, sinalou.

Nove intervencións, de tres escritores e escritoras de cada unha das literaturas terán participación no encontro no que a cidade terá especial presenza, na súa dimensión cultural e literaria, que se dará a coñecer mediante un roteiro que guiará os pasos das rúas que camiñou Castelao e que garda tamén memoria de Valle Inclán nos seus espazos. Cesáreo Sánchez agradeceu tamén a implicación do Concello de Pontevedra a través da concelleira delegada de Cultura Anxos Riveiro -que participou na presentación- por teren garantido a continuidade do Galeusca co seu apoio.

Comentarios