Bisbarra de indianos e arquitectura americanista, na Mariña Oriental era habitual que, nos veráns, retornasen temporalmente algúns dos emigrantes. Desa circunstancia naceu o festival. “Arco da Vella fundouse en 1980”, explica o seu membro Henrique Penabad, “dos 17 que a montamos, sete ou oito tiña os pais na emigración, en Francia ou Suíza. Sabían que o noso grupo existía e, cando viñan no verán, querían vernos”.
Así naceu a primeira edición do certame, unha cuarta feira na Praza do Souto de San Miguel e sen máis participantes que Arco da Vella. “Puxémoslle I Festival como lle puidemos poñer outro nome, porque non pensabamos seguir”, engade. En 1981 non houbo, pois, segunda edición. Pero a demanda popular fixo que, en 1982, volvesen, desta volta con agrupacións foráneas: de Burela e Cervo.
No sétimo ano, a primeira mudanza importante: Arco da Vella pasa a raia e convida grupos de Asturias. Despois viñeron de León, Portugal... “Xa estabelecemos a idea do que logo foi o festival. Se todas as agrupacións fosen galegas, a xente aburriríase”, sinala Penabad. O festival internacionalizouse.
A segunda gran mudanza derivou dunha viaxe de Arco da Vella a Xixón. “Vimos que o festival era no estadio do Molinón. O gran cambio foi cando nós pasamos ao campo de fútbol de San Miguel. A nivel de público, todo mudou de branco a negro”. A audiencia xa non se atopa nunha praza e marcha e regresa cando lle parece. Agora está sentada e atende ao que sucede nas táboas.
E o que sucederá este 2019 comeza xa na sexta feira, coa Foliada do Emigrante na Praza do Souto, onde se reúnen “gaiteiros e pandeireteiras da zona, e distintos grupos de música tradicional para amenizar unha noite con petiscos e queimada”. Ao día seguinte, sábado 3 de agosto, o XXXVIII Festival Folclórico Internacional do Emigrante acollerá, a partir das dez da noite no campo de fútbol As Valgas de Reinante os espectáculos da Agrupación Folclórica El Moral, de Canarias; Song Dance Belgorie, de Rusia; Hei Show, de Tahití; e Agrupación Folclórica O Arco da Vella. Unha verbena co grupo Lecer porá o ramo a esta Festa de Interese Turístico Galego (desde 2007).