O festival Maré máis feminino e internacional volta a Santiago de Compostela após a pandemia

O evento acollerá 35 propostas musicais artísticas en nove espazos distintos da cidade.
Presentación do festival Maré no Parque de Bonaval. (Foto: Festival Maré)
photo_camera Presentación do festival Maré no Parque de Bonaval. (Foto: Festival Maré)

Esta segunda feira foi presentada en Santiago de Compostela a terceira edición do festival Maré, Músicas e Artes atlánticas, recuperando o formato de presencialidade total após dous anos marcados pola emerxencia sanitaria da Covid-19.

O festival, que decorre do 21 ao 25 de setembro, contará con 35 propostas musicais e artísticas, das que Vítor Belho, de Nordesía Producións, promotora do encontro artístico, destacou a aposta pola “creación feminina e da mocidade, a experimentación, as novas linguaxes artísticas e a diversidade cultural poñendo o foco naqueles territorios cos que a Galiza comparte lazos lingüísticos, históricos e outros sentimentais das dúas beiras do Atlántico”.

Neste sentido, das 35 propostas, 22 contan con presenza feminina e 16 con representación galegas. Ademais, participarán artistas de Catalunya, Asturias, Euskadi, o Brasil, Portugal, o Rajasthan na india, os Balcáns, Arxentina, Francia, o Sáhara Occidental, Guiné-Bissau ou Escocia.

Do programa de actividades que xa está dispoñíbel para as persoas interesadas, a organización destaca a estrea da nova xira de Chico César, que presenta na Sala Capitol o seu décimo disco, Vestido de amor, e a da brass band carioca, a Orquestra Voadora. Tamén será a estrea na Galiza da banda de música gaélica Capercaillie, que traerá ao país o único espectáculo que ofreceu coa BBC Scottish Symphinc Orquestra, pero acompañada nesta ocasión pola Real Filharmonía de Galicia.

Acto de presentación

No acto de presentación participaron Vítor Belho, Nava Castro, directora de Turismo da Galiza; Mercedes Rosón, concelleira de Acción Cultural do Concello de Santiago; e Blas García, en representación da Deputación da Coruña.

Belho destacou a ampla presenza nesta edición de voces femininas, como a da angolana Pongo, a saharauí Aziza Brahim e o seu cuarteto eléctrico, a brasileira Dandara Manoela ou a arxentina Sofía Viola. Tamén a das galegas A Pedreira, Guadi Galego, Antía Muíño ou Catuxa Salom.

Pola súa parte, a concelleira de Acción Cultural de Santiago explicou que o festival Maré "xa prometía e hoxe culmina con este interesantísimo proxecto que nos coloca no centro das músicas e artes atlánticas".

Finalmente, Blas García fixo fincapé no “retorno económico” que supón para o comercio e hostalaría locais, ademais do apoio ao sector musical “tan prexudicado” pola pandemia. 

Comentarios