O Estado iguala, en 600.000 euros, a contribución á RAG, Institut e Euskaltzaindia

O aumento da partida provén da redución das achegas ás academias vasca e catalá

A comisión de orzamentos do Estado aprobou finalmente destinar 682.000 euros á RAG, ampliando así en 300.000 euros as previsións de dotación inicial. Un incremento que se produce tras a presentación polo PP dunha enmenda, que foi aceptada ao ser o partido maioritario. Deste xeito, a RAG recibirá 682.000 euros, a mesma cantidade que se vai destinar a Euskaltzaindia e ao Institut d´Estudis Catalás. De feito, @s populares aceptaron aumentar a achega económica á RAG, mais sen que isto implicar un aumento do total destinado ás academias destes países. Moi ao contrario, a opción elixida foi a de pasar a tesoira nas institucións vasca e catalá.

BNG e PSOE pedían unha maior aposta económica pola Real Academia Galega, tanto polo traballo que desenvolve como por historia ou xestión. Os dous coindicían en que unha achega económica xusta para a entidade debería rondar o millón de euros.

Ferrín: "É de xustiza recoñecer o amparo que nos deu o presidente da Xunta"

O presidente da RAG, Xosé Luis Méndez Ferrín, satisfeito e agradecido perante a solución que se lle deu ao problema, sinala que "saíu da mellor maneira posíbel". Ferrín quixo expresar o agradecemento da Academia a todas as persoas que "colaboraron na solución desta inxustiza" e considerou que era xusto agradecer o traballo dos deputados e deputadas galegas en Madrid pois "defenderon o seu País". E engadiu que "é de xustiza recoñecer o amparo que nos deu o presidente da Xunta, que se impuxo para corrixir o agravio, o que di moito da súa galeguidade".

Comentarios