O dos Poetas da Hostia tamén é normal

Ser vegano ou ser carnívoro e ser poeta. Esa é a cuestión que os Poetas da Hostia levan ao espectáculo en Normal, a sala de intervención cultural da Universidade da Coruña na que intervirán o próximo día 4 de decembro ás 20.30 horas.

O espectáculo A hostia en verso pon fronte á fronte, cun combate singular, a dous tipos de poetas que dificilmente protagonizan antoloxías colectivas: os veganos e os carnívoros. Neste inusual debate, Lucía Aldao e María Lado oficiarán como conductoras dun recital no que a intervención do público está asegurada e no que enfrontará a Ledicia Costas, Cesáreo Sánchez Iglesias, Daniel Landesa, Nolim Gonále, Xabier Xil Xardón e Estíbaliz Espinosa, sen sabermos aínda quen sigue un substento vegano e quen carnívoro.

Como un combate literario, á maneira dos poetry slam, o obxectivo de Poetas da Hostia é convidar a participar ao público no espectáculo lírico, introducindo elementos de humor, teatro e música, a cargo desta volta de Mig Seoane.

O espectáculo A Hostia en verso débese no seu deseño a Ledicia Costas, María Lado e Daniel Landesa, Poetas da Hostia, que levaron as súas iniciativas xa a unha vintena de salas e cidades.

Rosalía con luvas de boxeo é a imaxe do cartaz de presentación deste encontro lírico Poetas carnívoros vs. Poetas veganos.

O ideario de Poetas da Hostia especifícase en varios “mandamentos” entre os que se atopan: “Comporemos só versos claros, sinxelos e fáciles de entender”, “Apoiamos as empresas galegas onde sirven cervexa e axudamos a crear versos” ou “O público é o centro das nosas decisións” .

Comentarios