sábado 26/09/20
AO LONGO DESTA SEMANA

O ciclo 'Nervio óptico' leva a animación contemporánea ao CGAI

As dúas primeiras sesións, o martes 19 e mércores 20, serán presentadas polo comisario do ciclo, o asturiano Fran Gayo, programador do certame arxentino BAFICI. O ciclo continúa o xoves e venres na filmoteca galega, e todas proxeccións son ás 20.30.

 

A sesión inaugural do ciclo 'Nervio óptico' dedícaselle a David O'Reilly, irlandés residente en Berlín que con 27 anos comezou a experimentar na animación con ilustracións con paintbrush, vocoders, robots de voz, píxels hipertrofiados... Os seus personaxes nacen, sofren, quedan sós, enferman e desaparecen, nos seus filmes distópicos con humor doloroso. Nesta sesión, de 70 minutos, recóllese case toda a súa obra, integrada por curtametraxes desde o 2002 até a actualidade, desde o inédito Animal a Octocat Adventures, Black Water e Floaters, Please Say Something, The External World, Crazy if I don’t go crazy tonight, Bang, e Story of Genky.

O mércores é a quenda da letoa Signe Baumane. Discípula do animador estadounidense Bill Plympton, deslinguada e provocadora, aborda o sexo sen complexos. Poderanse ver as súas curtametraxes realizadas entre o 92 e o 2009: The witch and the cow, Tiny Shoes, Love story, Natasha, Five Fucking Fables, Dentist, Veterinarian, Teat beat of sex ou Birth, nunha sesión de 80 minutos.

E seguindo polas repúblicas bálticas, prolíficas en cineastas que traballan coa animación, a sesión do xoves viaxa a Estonia e dedícaselle ao estudio Nuku Film, creado na cidade de Tallin no 57 e produtor duns 200 traballos, sobre todo no terreo artesanal da animación con stop motion (“nukus” en estonio son monicreques), e creando ambientes alucinados na liña de David Lynch, David Cronenberg ou o checo Jan Svankmajer. Proxectaranse tres dous seus filmes recentes: Sky song, Body memory e Oranus. A sesión dura 72 minutos.

Xa o venres, remata o ciclo con Atsushi Wada, “rara avis” dentro do panorama actual da animación xaponesa, creador de atmosferas surrelistas onde seres humanos e bestas son pezas irreemprazables. Veranse traballos de principiante (Gentle whisthe, bird, and stone), as curtametraxes que fixeron del revelación inescusable (In a pig’s eye ou The mechanism of spring) para pechar con The great rabbit.

Para saber máis, pódese consultar a web do Centro Galego das Artes da Imaxe.

comentarios