O BNG pide ao Ministerio que continúe coas axudas ao Festival de Cans

A solicitude realizouna Olaia Fernández Davila a través dunha iniciativa parlamentaria, despois de saber que o Ministerio e Educación, Cultura e Deporte decidiu eliminar a axuda que concedía cada ano.
Cans
photo_camera Campaña do Festival de Cans

“A negación de calquera axuda a un referente do audiovisual galego é algo máis que discutíbel”. Olaia Fernández Davila, portavoz do BNG no Congreso, foi contundente na súa demanda de restitución das axudas que recibía o Festival de Cans por parte do Ministerio. Este encontro galego do audiovisual que se celebra cada ano no Porriño é un referente europeo no mundo das curtametraxes e por el pasaron máis de 11.000 persoas. A edición vindeira, a celebrar en maio de 2013, quedou sen financiamento do Estado español despois que na anterior edición recibira 10.000 euros de subvención.´

Olaia Fernández Davila non entende que o goberno español “non incentive as producións cinematográficas en lingua propia ou festivais como o de Cans”

“No BNG somos conscientes do difícil e complicado marco de crise económica pero adoptar unha medida tan drástica non é o camiño", asegurou a portavoz nacionalista no Congreso. Para Olaia Fernández Davila a liquidez do certame esta en perigo e non entende que o goberno español “non incentive as producións cinematográficas en lingua propia ou festivais como o de Cans”.

Após coñecer hai días que o Ministerio de Cultura retiraba a axuda anual, a organización do Festival de Cans comezou unha campaña de captación de patrocinador@s. Nesta parroquia do Porriño agardan tamén que a nova Xunta defina as competencias para o audiovisual e anuncie as axudas do ano vindeiro.

Comentarios