O BNG esixe que a Xunta actúe para frear a situación “dramática” das artes escénicas

Cos circuitos culturais paralisados e AGADIC sen dirección, o sector das artes escénicas está a atravesar un momento agónico. O BNG, a través da deputada Ana Pontón, ven de apresentar varias iniciativas encamiñadas a que a Consellaría remate coa súa parálise.

No ano 2011 realizáronse 546 funcións a través do programa “Camiños de Cultura” no que participaron 163 concellos mais que o ano seguinte non se convocou, o que supuxo un duro golpe para un sector que está a padecer de maneira especial a crise económica. De “situación dramática” califica Ana Pontón o momento nas súas iniciativas nas que reclama un cambio nas “políticas culturais” da Xunta diante do “risco certo de desmantelamento” do sector.

Demanda da Consellaría de Cultura,en primeiro lugar, que se recuperen os circuitos culturais tanto para o propio futuro do sector como polo “dereito de galegos e galegas a gozar da nosa cultura”. Interésase Ana Pontón polas tres redes de programación cultural, a Rede Galega de Teatros e Auditorios, a Rede Galega de Salas e a de Música ao Vivo. “Agadic non ten aberto as contratación para o primeiro semestre de 2013” polo que o ano comeza sen ningún tipo de programación en ningunha da tres redes cando deberan, ao seu ver, de ter programado 425 actuacións de 70 compañías en máis de corenta concellos. Esixiu, neste sentido, a convocatoria urxente de programación e a activación de fórmulas que compensen os meses perdidos.

A deputada nacionalista criticou tamén que a Consellaría non teña nomeado dirección para AGADIC despois de que o seu anterior responsábel, Juan Carlos Fasero fora dar na SGAE ao tempo que pediu explicacións polo retraso e a paralización do organismo.

Fíxose eco tamén do malestar dos representantes das asociacións das artes escénicas ao non seren os seus representantes recibidos polo Conselleiro despois de terlle pedido unha xuntanza.

Comentarios