O artista Vítor Mejuto mostra a súa xeometría abstracta en Nova York

A xeometría abstracta de Vítor Mejuto móstrase por vez primeira en Nova York. O artista inaugura  a súa exposición "O silabario perdido" esta sexta feira, 7 de xuño, na galería Schema Projects. 

Vítor Mejuto
photo_camera Vítor Mejuto

O "silabario" xeométrico de Vítor Mejuto poderase ver a partir do 7 de xuño nas paredes da galería neoiorquina Schema Projects. A obra recente do artista viaxa á capital da arte norteamericana por vez primeira, despois de ter sido protagonista dunha exposición na Casa da Parra de Compostela. Parte o pintor do concepto de silabario, os caracteres que representan sílabas e con esas formas reducidas elabora as súas creacións con liñas de lapis e campos de cor. 

A abstración xeométrica que o emparenta co construtivismo ruso, o minimalismo ou as escolas europeas da Bauthaus e De Stijil e aproximan a súa aposta creativa ao deseño, son os sinais de identidade da proposta que o artista Vítor Mejuto leva por vez primeira en solitario a Nova York. Xogos xeométricos que confrontan liñas e cores botando man das imaxes e formas que representan a linguaxe falada e oral. 

Fotógrafo e artista plástico, Vítor Mejuto introdúcese na tradición da xeometría artística de maneira case pulsional, como escribe ao se referir á obra de Luís Caruncho, a quen considera mestre.  “É unha obra serena e queda, sen alardes innecesarios. O pintor non necesita estar abrumadoramente presente para ser contundente. O rastro humano esvaécese e no seu lugar hai unha pátina satinada e primorosamente precisa na cor. Cambiou o pincel polo bisturí. Moita xente cre que esta pintura é fría. A min ponme os pelos de punta”, escribe Mejuto con palabras que se poderían dedicar, en boa medida, a súa propia obra. 

Cores e formas

A exposición, que estará aberta até o 7 xullo, mostra súa particular caligrafía persoal, construída por medio do cálculo preciso e despois dun proceso de investigación en cores e formas, elementos cos que elabora unha obra na que o debuxo, preciso, e a cor, compoñen un resultado que o define cunha liña propia na arte contemporánea galega. 

“O discurso é a ausencia de discurso, as formas e a cor poden coa obra” , explica Vítor Mejuto arredor da súa última produción. O crítico e investigador David Barro, comisario da súa última exposición, afirmou entón nunha entrevista que Vítor Mejuto  “consegue facer propia a pintura, destila referentes anteriores para xerar unha pintura non peiteada, non aséptica, que ole a humanidade e deixa o rasto do pincel, do artista. Un artista que proxecta paixón polo medio”. 

Comentarios