O Apóstolo chega aos cinemas

A longametraxe de animación galega, gañadora do premio á mellor pelicula no festival arxentino ExpoToons 2012, conta a historia de Ramón e d@s habitantes dunha aldea do Camiño de Santiago baseada nas lendas e historias do patrimonio oral da Galiza.

A historia dun fuxitivo que vai na procura dun antigo tesouro dá vida a O Apóstolo, un filme dirixido polo galego Fernando Cortizo e realizado en stop-motion --unha técnica baseada na apariencia de movemento de obxectos estáticos a través da proxección de 24 fotos por segundo.

Ramón é o protagonista, un preso fuxido da cadea que comeza a búsqueda dun antigo botín á fin de abandonar a delincuencia dunha vez e por todas. Porén, a súa curiosidade levaráo a vivir unha longa aventura en que o importante non será trocar de vida senón mantela. Na súa andaina, Ramón chegará a Xanaz, unha pequena vila do Camiño de Santiago habitada por personaxes escuras como Don Cesáreo (Manuel Oliveira 'Pico'), o párroco da aldea cuxos plans se ven truncados coa chegada do mozo Ramón. 

Tamén tomarán parte da historia deste mozo fuxitivo, o arcipreste e o seu axudante; Dorinda (Geraldine Chaplin) ou Isabel (Isabel Blanco), unha peregrina alemá que rematará na aldea xunto co seu compañeiro.


Un proxecto artesán até no financiamento
A construción dos escenarios e a gravación das escenas que compoñen O Apóstolo contan cun labor cento por cento artesanal. Todas as personaxes e os decorados --quer de aparencia interior ou exterior-- foron elaboradas e pintadas manualmente e a escala (entre os 5cm e os 33cm)

A longametraxe de animación, conta coa participación de Luís Tosar, Celso Bugallo, Carlos Blanco, Manuel Manquiña ou Geraldine Chaplin, que poñen algo máis que as súas voces a boa parte das personaxes que compoñen o film. Neste sentido, @s protagonistas que interpretan foron creadas a partir dos trazos d@s actores e actrices que as dobran.

O Apóstolo constitúe o primeiro proxecto do Estado español financiado nun primeiro momento a través de 610 achegas d@s soci@s. Porén, malia que a vida do film estivo marcada por uns comezos difíciles e catro anos de longo traballo artesán, vén de recoller galardóns como o de mellor filme de animación no festival arxentino ExpoToons 2012. Aliás, foi presentada nas seccións oficiais dos festivais de Málaga e Moscú. 

Comentarios